Amosando publicacións coa etiqueta Vila Olímpica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vila Olímpica. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 3

Ola de novo! Seguimos coa miña viaxe?

O luns 7 de abril foi a nosa primeira visita a Barcelona capital, e para aproveitar ben o día tivemos que madrugar. Moitos queixáronse, pero eu estaba contento: normalmente esperto ás 07:00h, espertarse ás 09:00h é un regalo! 

Ao chegar a Barcelona e apearnos na Praza de Cataluña, dirixímonos ao Barrio Gótico. Foi nese momento cando nos empezamos a estrañar de que houbese arte en todas partes. Segundo palabras da nosa guía, chamada Eva, os cataláns quixemos que foses pola rúa e te encontrases unha escultura, que tomases un xeado sentado en arte, que fose parte do teu día a día, algo común.

Unha escultura en medio dunha praza, mostra das palabras da guía

Xa alí, a nosa primeira parada foi a Catedral de Barcelona.


O campanario da Catedral de Barcelona
Detalle en frente da catedral por Picasso

Sorprendémonos de que dentro desta se criasen trece gansas por unha lenda catalá, pero oe, cousas máis raras fixeron os cristiáns.


As ocas da catedral
Eu posando dentro da catedral
Aquí acontecéronnos varias anécdotas. Primeiramente, a nosa guía non nos acompañou dentro, senón que explicounos todo o explicable sobre a Catedral fóra e logo quedouse esperando porque, pícara ela, así non nos facía falta pagar o ticket por grupo guiado. Ademais, se non fose porque unhas amigas se puxeron fulares e chaquetas nas pernas, non as deixarían entrar "por levar pantalóns demasiado curtos". Como dicía, as cousas raras dos cristiáns... Por último, hei de dicir que unha amiga miña chamada Ángela e eu nos perdemos e saímos pola porta equivocada, pero sorprendentemente, chegamos os primeiros xunto á guía. 

Despois da catedral, percorremos distintas rúas e prazas, entre elas unha onde explotara unha bomba na Guerra Civil.


Unha das prazas que visitamos
Outra das prazas que visitamos

Así, chegamos á Igrexa de Santa María del Mar. Persoalmente, gustoume máis que o primeiro monumento relixioso que visitamos porque esta igrexa tiña unha gárgola con forma de unicornio. Si, un unicornio. Máis tarde fixemos unha parada nunha rúa paralela á igrexa e sorpresa! Tomei un xeado de marihuana. Ademais comprei uns lentes de sol azuis, a xogo coas miñas mechas. 

A seguinte parada foi o último traxecto das Ramblas, onde compramos algúns recordos e contemplamos diversos mimos. Tamén bebemos da Fonte das Canaletas. Din que se bebes dela te namoras da cidade e acabas volvendo, a ver se é verdade!

Paseando polas Ramblas!
Algúns entraron no Mercado da Boquería, pero eu preferín seguir polas Ramblas e só vin a entrada deste.

Entrada ó Mercado da Boquería
Como última parada durante a mañá, admiramos o monumento de Colón e dirixímonos ao Maremagnum, un centro comercial no porto deportivo. Alí, comemos no buffete Fresco e aproveitamos para comprarnos algo nas tendas que había.


Detalle ó lado do Maremagnum
Posando no Maremagnum

Despois de comer e como última visita do día, fixemos unha visita panorámica pola Vila Olímpica e Montjuic, onde tiramos unhas fotografías impresionantes dende o seu castelo.


Detalle en Montjuic
Posando con Barcelona de fondo!
As espectaculares vistas dende o Montjuic

Ao chegar ao hotel estabamos cansos e queriamos durmir, pero os profesores fixéronnos dar un paseo xunto á praia con eles. Así, en canto entramos nos nosos cuartos fomos a cama e durmímonos axiña.

Ata a próxima!

domingo, 1 de xuño de 2014

Os Ghuapos de Mónaco: Día 2

Día 2:

O segundo día madrugamos (como todos os días) e fomos visitar Barcelona. Dirixímonos en primeiro lugar ao Barrio Gótico onde visitamos a Catedral de Barcelona, unha igrexa, diferentes prazas con monumentos de artistas actuais, as Ramblas, o Mercado da Boquería e a fonte de Canaletas para logo baixar ata o monumento de Colón e o porto deportivo.

Tras comer no restaurante Fresco de Maremagnum, onde nos puxemos ata as botas de pizza, xa que era buffet libre, e tras repousar a comida dando unha volta polo centro comercial do porto, fomos de novo ao bus do noso gran chofer Juanma para ir visitar a Vila Olímpica e o Castelo de Montjuic, aínda que a visita á Vila Olímpica foi un pouco bastante penosa, ao non poder baixar do bús.

Ao chegar ao hotel fomos cear a “exquisita” comida do hotel coa súa vaixela “ben lavada” (menos mal que puxeron pizza). 
Obrigáronnos a dar un paseo nocturno pola praia xunto co profesorado.

Ao acabar o paseo e chegar ó hotel, despois de quilómetros e quilómetros nas nosas pernas, o cansazo xa pesaba no lombo polo que caemos rendidos na cama. 

xoves, 29 de maio de 2014

Paseíño por Barcelona de Marisé e María


Hoxe ímosvos contar as anécdotas do segundo día da viaxe. Relataremos as nosas aventuras  e intentaremos que vexades Barcelona a través dos nosos ollos.

Chegou o segundo día da viaxe e polo tanto tocaba erguerse cedo, estabamos realmente cansos, xa que o día anterior tiveramos a xincana e déramos unha curta voltiña por Calafell despois de cear. Aínda así, estabamos moi ilusionados por coñecer, por fin, a cidade.

Subímonos ao bus e comezamos o camiño ata Barcelona. Os plans para ese día eran visitar as Ramblas, o Barrio Gótico e a Catedral, todo iso acompañados dunha guía catalá.

Demos o paseo polas Ramblas admirando as construcións máis destacables e gozando coas impresionantes estatuas viventes. Visitamos o Mercado de "La boquería", moi bonito, con froitas de todos os países, de todas as formas e cores, tamén tiñan expostas grandes figuras feitas con distintos tipos de chocolates. Aí enchemos todos o bandullo a máis non poder, eu creo que saímos de alí con 6 kilos de máis cada un. Os produtos tiñan tan boa pinta que desexabas telo todo nas mans. 

Estivemos tamén na fonte de Canaletas donde se atopa a escultura na honra aos castellers. Por certo, un neno que pasaba en bicicleta comeuse de cheo un dos barrotes da escultura; todos intentamos non rir pero non o conseguimos.

Tamén nas Ramblas, descubrimos o mosaico de Joan Miró que hai no chan e, por último, estivemos  na estatua de Colón, que se atopa ao final das Ramblas.

Baixamos ata chegarmos ao porto, cos seus xardíns, o seu mar, os seus mil barcos enormes e o Maremagnum. A paisaxe era fermosa, respirábase tranquilidade e se estaba de marabilla. Camiñamos polo porto, morrendo de envexa ao ver aqueles tremendos iates.

Nolas dúas íamos cos nosos amigos: Sebi, Héctor, Lois, Óscar, Mar e Isa, que cuadrilla! Poderíase dicir que eramos o mellor de cada casa ou de cada instituto neste caso, ou sexa, os trastes da excursión, pero sempre lle dábamos un pouquichiño de alegría a todo e sen facer nada malo (que se saiba). Percorremos cada un dos recunchos, tiramos fotos e fixemos o parviño durante toda a hora libre. 

Despois dun delicioso almorzo no Maremagnun, tirámonos a descansar nos xardíns para deixar facer a dixestión tranquilamente e relaxármonos antes de subir ao bus e facer unha visita panorámica á Vila Olímpica, que se atopa no distrito de Sant Martí e de subir ao precioso mirador do Montjuic.



Ao ser unha viaxe en bus, moitos quedábanse durmidos e non se decataban de nada. A coitada da guía de vez en cando falaba soa. Nós, que permanecíamos despertas, gozamos da zona, observamos as dúas caras da Vila Olímpica; a cara familiar, que recordaba o pasado da cidade e outra máis moderna. 

Tras este día tan produtivo toca chegar ao hotel, pórse moi guap@s todos para saír pola noite e baixar a cear. Despois de cear fomos a dar un paseo cada un cos seus amigos.Onde por certo atopamonos unha dispensadora con todo tipo de productos farmaceuticos, dende termometros, ata babeiros para os bebés.