Amosando publicacións coa etiqueta Barrio Gótico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Barrio Gótico. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de xuño de 2014

Chicas USA, día 2 en Barcelona ♥


Molt bones de nou!
Xa estamos de volta para seguir contándovos a nosa experiencia en Barcelona. Nesta entrada imos contarvos o noso segundo día alí. Imos alá! 

Día 2 en Barcelona, luns 7 de abril.
Ese día tiñamos que estar sobre as nove menos cuarto no comedor para almorzar.
Andrea levantouse antes que Iria, sobre as 8:15, xa que estaba demasiado cansa para ter que prepararse a esas horas da mañá. Laura segundo nos informou, ergueuse á mesma hora que Andrea aínda que nos as dúas temos as nosas dúbidas porque ela é moi vaga igual ca nós.

Cando chegamos abaixo aínda faltaba a gran maioría da xente polo que tivemos que esperar polos demais un bo rato. A verdade é que tiñamos moita fame e estabamos ansiosas polo almorzo. Ó chegar case todos os que faltaban, os profesores déronos permiso para entrar. A comida que nos ofrecían era do máis variada, dende uns bos ovos fritos ata unha peza de froita fresca. Nós optamos por coller algo lixeiro; unha cunca de café acompañada cun vaso de zume e uns croisans ou napolitanas minis. De todo o que probamos, o único que nos gustou foron os bolos xa que os zumes e os cafés/chocolates eran máis auga que outra cousa.

O plan previsto era pasar o día de visita no centro de Barcelona, polo barrio Gótico pola mañá, comer nun centro comercial na zona das Ramblas del Mar e xa pola tarde unha visita panorámica á Vila Olímpica.

Cando rematamos o almorzo, os profesores deixáronnos un rato para que fósemos a terminar de prepararnos. Nós baixamos un pouco máis tarde da hora acordada, aínda que de todas formas tivemos que esperar por algúns dos nosos compañeiros. Unha vez que xa estabamos todos, dirixímosnos ao bus no cal tivemos que estar cincuenta minutos para chegar a Barcelona e, como non, tivemos a Sergio e a Lois cantándonos os seus temazos todo o traxecto. 
Catedral de Barcelona.
Ao chegar, todo o mundo quedou atónito xa que a máis mínima cousa chamábanos a atención. O autobús deixounos nunha rúa que estaba situada ao lado das Ramblas. Tivemos que andar un chisco para atoparnos con Eva, a nosa guía turística. Foi a que  nos ensinou toda Barcelona ese día máis o mércores.

Comezamos a nosa visita polas rúas do barrio Gótico, no que vimos moitas cousas chulísimas. O primeiro que fomos ver foi a Catedral de Barcelona (que está adicada a Santa Eulalia) na Plaça Nova e unha vez alí, Eva explicounos a súa historia. A parte de vela por fóra, tamén tivemos o pracer de entrar. 
No interior puidemos gozar da súa arquitectura, a cripta onde se encontraba a patroa e o marabilloso claustro cun xardín cunhas cantas ocas e unhas palmeiras. 

Ao rematar a nosa visita a Catedral, seguimos vendo o barrio Gótico.  Pasamos pola Plaça de San Jaume, onde actualmente se encontra o Pazo da Generalitat Catalana e a sede do Concello de Barcelona; pola Plaça Real que era moi fermosa; vimos tamén a igrexa de San Felipe Neri que foi un dos escenarios da Guerra Civil, por último estivemos na Plaça do Rei e na capela de Santa Ágata (por fóra). Ao terminar a visita polo barrio Gótico, tomamos rumbo ás Ramblas. 
Final das Ramblas e
monumento a Colón
Naquela rúa tan longa, había tanta xente que era agoniante. Encontrámonos con moitos postos pequenos que vendían recordos, doces ou flores. Na parte que se une ó final das Ramblas coa Plaça de Colón, vimos que había dous mimos e, a verdade, e que foron os únicos que vimos porque, segundo nos explicou Eva, debíase a que o concello puxera unha estrita norma contra eles.

Xa na Plaça de Colón, atopamos o monumento a Colón que estaba no centro dunha rotonda. Naquela praza había moitos edificios importantes pero non houbo tempo de velos en profundidade xa que era hora de xantar.

Tivemos que cruzar as Ramblas del Mar para chegar ao noso restaurante que estaba no centro comercial Maremagnum. Puidemos gozar dun bufet libre no Restaurante Fresco, aínda que a maioría comemos pizza ou pasta porque estaba moi boa.

Ó rematar déronos un rato libre para descansar e fisgar polo centro comercial e os arredores. Dende aí tiñamos unhas vistas preciosas do mar e estábase de marabilla. Sobre as catro, dirixímosnos cara ao autobús para ir ao castelo de Montjuic. Para subir o cume do Montjuic onde se atopa o castelo, tivemos que andar unha terrible costa que nos deixou baldados. Dende arriba puidemos gozar dunhas marabillosas vistas panorámicas de todo Barcelona.
Ao baixar e subir ó autobús de volta o hotel, pasamos pola Vila Olímpica, polo Poble Espanyol e polo Estadio Olímpico Lluís Companys, entre outros. 

Cando chegamos déronnos un tempo para que puidésemos bañarnos e asearnos e máis tarde, baixamos cear. Ese día tampouco puidemos saír de troula pero deixáronnos algo de tempo libre así que fomos dar un paseo nocturno pola praia. Finalmente tivemos que ir cada un ós nosos cuartos xa que o día seguinte ía a ser moi movidiño e tiñamos que descansar.

Como Andrea emocionouse tirando fotos, decidimos colgalas nun vídeo de Youtube.



Ata aquí o noso segundo día por Barcelona, espero que vos gustase, estade atentos que pronto volveremos con máis entradas, adeu :)
  

mércores, 11 de xuño de 2014

Luns 7, Tamara e Cecilia visitan o centro de Barcelona

Puxéronos as 8:45 como hora para estar no comedor para almorzar, e as 9:30 subimos ó bus e marchamos cara o centro de Barcelona, onde nos atopamos con Eva, a guía que nos levou polas rúas da cidade. 
Catedral de Sta. Eulalia

Fomos cara a Catedral, a cal nos paramos a mirar por fóra. Dimos unha volta polas rúas de Barcelona, mirando as esculturas e edificios, e entramos na catedral por unha porta lateral. Ó saír, seguimos percorrendo as rúas barcelonesas e fomos parar ás Ramblas, que percorremos dende a metade cara abaixo, ata chegar ó final, onde se atopaba a estatua de Colón. Cruzamos uns pasos de cebra e chegamos ó porto, onde se parou a falar (a guía), e xa marchamos cara o centro comercial "Maremagnum" onde íamos xantar. 


Tamara e máis eu no Maremagnum
Ó rematar de comer déronos un rato libre, para dar un paseo polo centro comercial ou polos arredores. Algúns aproveitamos para facer compras ou para ir tirar fotos no porto. 
Despois deste pequeno descanso marchamos cara á Vila Olímpica, que vimos dende o bus, mentres a guía ía explicando todo ó que nos rodeaba. Por último, subimos a Montjuïc a pé, e ó chegar arriba tiramos fotos nun canón e entramos no castelo.


Algunhas fotos tiradas dende o alto de Montjuïc


Regresamos ó hotel, onde ceamos. Logo subimos a arranxarnos un pouco e nos deixaron ata ás 23:30 h para saír dar unha volta.

luns, 9 de xuño de 2014

2º DÍA Barcelona por Christian e Junior


O segundo día levantámonos cedo para ir almorzar, tiñamos que estar abaixo as 8:45 e cando estiveran todos iríamos coller a comida no buffet. Despois tiñamos 15 ou 20 minutos para preparar as mochilas. Quedabamos todos na entrada do hotel para que os profesores nos contaran e fomos cara o autobús para comezar a nosa visita a Barcelona. 

Cando chegamos, a monitora Eva díxonos que íamos visitar o Barrio Gótico e logo comeríamos no Maremagnum que é un centro comercial que está construído enriba do mar, na zona do porto. Pola tarde visitaríamos a Vila Olímpica.

  
Do Barrio Gótico vimos a Catedral e a Basílica de Santa María do Mar

No Maremagnum comemos de buffet, podiamos coller o que quixeramos e repetir á vontade. Ao rematar de comer deixáronos tempo libre ata as catro menos cinco, hora na que quedaramos cos profesores para ir en autobús á Vila Olímpica coa a monitora. 

Cando chegamos a Montjuic subimos ata o cume do monte para ver toda Barcelona (tan fermosa e tan grande) dende un miradoiro. Logo subimos máis arriba onde nos esperaba o castelo de Montjuic, o cal visitamos. 

Tiramos algunhas fotos e marchamos para o autobús para ir ó hotel. Fomos cear e marchamos para as habitacións a “durmir”.


sábado, 7 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 3

Ola de novo! Seguimos coa miña viaxe?

O luns 7 de abril foi a nosa primeira visita a Barcelona capital, e para aproveitar ben o día tivemos que madrugar. Moitos queixáronse, pero eu estaba contento: normalmente esperto ás 07:00h, espertarse ás 09:00h é un regalo! 

Ao chegar a Barcelona e apearnos na Praza de Cataluña, dirixímonos ao Barrio Gótico. Foi nese momento cando nos empezamos a estrañar de que houbese arte en todas partes. Segundo palabras da nosa guía, chamada Eva, os cataláns quixemos que foses pola rúa e te encontrases unha escultura, que tomases un xeado sentado en arte, que fose parte do teu día a día, algo común.

Unha escultura en medio dunha praza, mostra das palabras da guía

Xa alí, a nosa primeira parada foi a Catedral de Barcelona.


O campanario da Catedral de Barcelona
Detalle en frente da catedral por Picasso

Sorprendémonos de que dentro desta se criasen trece gansas por unha lenda catalá, pero oe, cousas máis raras fixeron os cristiáns.


As ocas da catedral
Eu posando dentro da catedral
Aquí acontecéronnos varias anécdotas. Primeiramente, a nosa guía non nos acompañou dentro, senón que explicounos todo o explicable sobre a Catedral fóra e logo quedouse esperando porque, pícara ela, así non nos facía falta pagar o ticket por grupo guiado. Ademais, se non fose porque unhas amigas se puxeron fulares e chaquetas nas pernas, non as deixarían entrar "por levar pantalóns demasiado curtos". Como dicía, as cousas raras dos cristiáns... Por último, hei de dicir que unha amiga miña chamada Ángela e eu nos perdemos e saímos pola porta equivocada, pero sorprendentemente, chegamos os primeiros xunto á guía. 

Despois da catedral, percorremos distintas rúas e prazas, entre elas unha onde explotara unha bomba na Guerra Civil.


Unha das prazas que visitamos
Outra das prazas que visitamos

Así, chegamos á Igrexa de Santa María del Mar. Persoalmente, gustoume máis que o primeiro monumento relixioso que visitamos porque esta igrexa tiña unha gárgola con forma de unicornio. Si, un unicornio. Máis tarde fixemos unha parada nunha rúa paralela á igrexa e sorpresa! Tomei un xeado de marihuana. Ademais comprei uns lentes de sol azuis, a xogo coas miñas mechas. 

A seguinte parada foi o último traxecto das Ramblas, onde compramos algúns recordos e contemplamos diversos mimos. Tamén bebemos da Fonte das Canaletas. Din que se bebes dela te namoras da cidade e acabas volvendo, a ver se é verdade!

Paseando polas Ramblas!
Algúns entraron no Mercado da Boquería, pero eu preferín seguir polas Ramblas e só vin a entrada deste.

Entrada ó Mercado da Boquería
Como última parada durante a mañá, admiramos o monumento de Colón e dirixímonos ao Maremagnum, un centro comercial no porto deportivo. Alí, comemos no buffete Fresco e aproveitamos para comprarnos algo nas tendas que había.


Detalle ó lado do Maremagnum
Posando no Maremagnum

Despois de comer e como última visita do día, fixemos unha visita panorámica pola Vila Olímpica e Montjuic, onde tiramos unhas fotografías impresionantes dende o seu castelo.


Detalle en Montjuic
Posando con Barcelona de fondo!
As espectaculares vistas dende o Montjuic

Ao chegar ao hotel estabamos cansos e queriamos durmir, pero os profesores fixéronnos dar un paseo xunto á praia con eles. Así, en canto entramos nos nosos cuartos fomos a cama e durmímonos axiña.

Ata a próxima!

domingo, 1 de xuño de 2014

Os Ghuapos de Mónaco: Día 2

Día 2:

O segundo día madrugamos (como todos os días) e fomos visitar Barcelona. Dirixímonos en primeiro lugar ao Barrio Gótico onde visitamos a Catedral de Barcelona, unha igrexa, diferentes prazas con monumentos de artistas actuais, as Ramblas, o Mercado da Boquería e a fonte de Canaletas para logo baixar ata o monumento de Colón e o porto deportivo.

Tras comer no restaurante Fresco de Maremagnum, onde nos puxemos ata as botas de pizza, xa que era buffet libre, e tras repousar a comida dando unha volta polo centro comercial do porto, fomos de novo ao bus do noso gran chofer Juanma para ir visitar a Vila Olímpica e o Castelo de Montjuic, aínda que a visita á Vila Olímpica foi un pouco bastante penosa, ao non poder baixar do bús.

Ao chegar ao hotel fomos cear a “exquisita” comida do hotel coa súa vaixela “ben lavada” (menos mal que puxeron pizza). 
Obrigáronnos a dar un paseo nocturno pola praia xunto co profesorado.

Ao acabar o paseo e chegar ó hotel, despois de quilómetros e quilómetros nas nosas pernas, o cansazo xa pesaba no lombo polo que caemos rendidos na cama.