Amosando publicacións coa etiqueta Andrea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Andrea. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de xuño de 2014

Día 6 en BCN versión chicas USA ♥



Moi boas de novo xente. 

Nesta entrada contaremos o noso último día que pasamos na nosa queridísima Barcelona. Alá imos!

Día 6, venres 11 de abril.
Era o último día e tocaba facer as maletas pero aínda quedaba unha cousa por ver e gozar, tiñamos que ir a PortAventura. 
Mogollón de institutos apalancados
á espera de entrar en PortAventura

Espertamos pola mañá cedo cunha sensación agridoce. Por unha banda alegrabámosnos de que xa tocase ir a PortAventura, pero por outra, estabamos de capa caída xa que remataba a nosa marabillosa experiencia. 

Para non variar, a metade da xente tardou unha chea en baixar ó comedor pero desta vez, non esperamos por ninguén. Esta mañá, como estabamos fartas daquela agua con zume, levamos dos nosos propios zumes que mercaramos o mércores.
Ó rematar subimos as habitacións e tocounos recoller o noso cortello. Tiñamos o cuarto patas arriba. O mellor foi pechar as maletas con tres persoas sentadas enriba delas. 

Tras ter todas habitacións recollidas e as maletas feitas, entregamos as chaves e despedímosnos do hotel Ramblas Miramar. Cargamos a pesada equipaxe no autobús e tamén despedimos o pobo de Calafell.
Shambhala
Ao chegar a PortAventura, flipamos coa cantidade de rapaces que había na entrada esperando a que abriran as portas. Como era o día da apertura  despois do peche de inverno, aquilo estaba repleto de adolescentes. Os rapaces do noso instituto volvíanse tolos por ver tanta rapaza (demasiadas "chirrisquis" para eles)

Conseguimos entrar as 12 da mañá e nada máis pisar o parque, xa nos puxemos na cola do Furious Bako. Había tantas cousas por ver, pero tantísima xente nas colas... Cando xa levabamos un bó rato na cola, avisouse que a atracción estaba avariada e toda a xente se foi menos nós, que tiñamos fe en que a arranxasen. E así foi, polo que conseguimos adiantar un bo anaco. As dúas horas de cola pagaron a pena por montar en semellante atracción!

Logo fomos xantar a La Cantina, un lugar precioso. Vos mostramos unha imaxe para que a podades ver:

Cantina o máis puro estilo mexicano onde comemos.




Far West.
O segundo destino de Laura foi a montaña rusa chamada Shambhala. Aí estiveron toda a tarde esperando na cola! Foi horrible. Nela  montaron: Ainhoa, Blanca, Lara, Pérez, Héctor, Óscar, María e ela. Finalmente Lara e Laura foron dar un paseo polo Far West. 
O segundo destino de Andrea foi, nada máis saír de comer, facer unha cola de dúas horas na caída libre xunto a: Marisé, Lois, Sebi, Jose, Nerea Pérez, Laura F. e Kevin. Sinceramente, deixounos sen palabras!
Tamén foron ó Dragón Khan e dúas horas máis de cola. Outra que foi incrible!
Por último, cando xa ía pechar o parque, fomos correndo como tolos, case todos, a unha atracción de auga que non tiña nadiña de cola. A verdade é que botamos a correr como tolos e todos os que íamos encontrando do noso grupo, íanse sumando ao maratón. 
Quedamos todos molladiños coma pitos pero moi fresquiños.
Far West
Tras saír desa atracción, rematou a nosa visita a PortAventura. Ó saír, collemos o noso autobús e puxémosnos en marcha en dirección Salceda. Desta volva, o autobús era un fervedoiro cunha peste a humanidade incrible. Ao final, medio autobús quedou case en coiros. A viaxe durou toda a noite e pola mañá, as 9h, xa estabamos no instituto finalizando así a nosa marabillosa e inesquecible excursión de fin de curso de 4ºESO. 

De parte das tres, aproveitamos para dar as grazas a todos os nosos compañeiros, profesores (os que foron e os que non) e monitores, a xente que nos comprou bolos/plantas, etc. e ao instituto por ofrecernos a oportunidade de vivir tal experiencia xuntos.

E isto foi todo, esperemos que vos gustasen as nosas entradas da marabillosa excursión e...
Ata pronto!


Barcelona ♥ from Andrea Vaqueiro on Vimeo.


Chicas USA, día 5 en Barcelona ♥



Molt bones de nou!
Xa estamos de volta con unha nova entrada, en esta ímosvos contar o noso quinto día, que para non variar éche moi movidiño. Imos alá! 


Día 5, xoves 10 de abril.

Esta mañá tardamos bastante en espertarnos xa que a noite anterior saíramos. A verdade é que todo o mundo chegou tarde ao almorzo por quedarse durmido. Cando chegaron todos pasamos ao comedor onde almorzamos e comemos ata fartarnos xa que de tanta troula tiñamos fame.
Despois do almorzo déronnos un rato para prepararnos xa que íamos pasar todo o día na praia.
Andrea e Mar tras terminar o
paseo en vela e kayak

O noso plan de hoxe era do máis activo. Pasamos o día n praia de Vilanova i La Geltrú onde, pola mañá, fixemos vela, kaiak, e, pola tarde, fútbol e voleibol. Dende o noso hotel, Ramblas Miramar, ata a praia de Vilanova i La Geltrú había uns corenta minutos de viaxe, e como de costume Sergio e Lois seguían deleitándonos coas súas fermosísimas voces.
Ao chegar os monitores dirixíronnos ata un sitio onde gardaban os traxes de neopreno e alí puidemos cambiarnos e polos. Unha vez vestidos fomos ata a praia e dividímonos en dous grupos, un para facer kaiak e outra para facer vela.
A nosa queridísima caixiña de pic-nic
A min e a Laura tocounos primeiro ir en kaiak.  Tivemos que pornos por parellas para que nos fora máis fácil movernos pola auga. Antes de poder subirnos neles, os monitores explicáronnos como debiamos facer para movernos máis rápido e sen facernos dano. A verdade é que non parecía moi difícil pero resultounos un pouco complicado ao principio, aínda que despois foinos bastante fácil.
Andrea, como estaba noutro grupo, fixo primeiro vela e logo kaiak. A Laura tocoulle ir de parella con  Ainhoa e a min tocoume con Rodrigo. A verdade e que ir en kaiak cansa bastante xa que non paras de remar. Estivemos  uns corenta minutos aínda que paramos un chisco. 
Despois de que xa pasara unha hora tivemos que cambiar á vela. A Andrea, na primeira quenda de vela, tocoulle con Marisé, María, Mar, Isa e Nerea, e a min tocoume con Laura, Ainhoa, Tamara, Héctor, Lara e Blanca na segunda quenda. Despois de vinte minutos navegando, preguntámoslle ao monitor se nos podiamos tirar a auga porque ía algo de calor e xa que estabamos alí había que aproveitar. O monitor díxonos que estábamos un pouco tolos porque a auga estaba bastante fría aínda que a nós non nos importou e tirámosnos de todas formas. 
Gustounos moito ás tres ir en vela,  xa que era moi relaxante e non tíñamos que facer gran cousa, e como ben sabedes somos moi vagas. Pasada unha hora volvemos á praia.
Unha vez reunidos volvéronnos levar a onde nos cambiáramos anteriormente para que puidésemos quitar o traxe e darnos unha ducha.
De troula no Nicky's!
Nada máis terminar dirixímosnos ao autobús para coller as nosas caixas de pícnic e ir ata o parque que se encontraba ao lado da praia. No noso pícnic había dous sándwichs, unha botella de auga, chocolate, un batido, algunha peza de froita e pouco máis. A verdade é que se estaba moi ben tirados no chan, á sombra e comendo e ata aproveitamos para botarnos unha sestiña.  
Chegadas as catro fomos ata praia. Volvéronnos a dividir en dous grupos, un para xogar ao fútbol e outro para xogar ao voleibol e logo cambiar. Como xa sabedes, Andrea tiña mal a man e polo tanto só puido xogar ao fútbol (mentres xogaban o volei, os profes convidáronna a tomar algo con eles). Foi unha tarde do máis divertida xogando e pasándoo ben todos xuntos. 
Laura e Sebi en na discoteca Nicky's
Cando xa se facía de noite, os profesores dixéronnos que nos tíñamos que ir para que nos dera tempo a chegar ao hotel e cear. Tardamos corenta minutos en chegar o hotel e a maioría estabamos durmidos, aínda que como debedes de supor, Sergio e Lois non paraban nunca de cantar!
Nada máis chegar ao hotel déronnos apenas dez minutos para subir ás habitacións e baixar a cear. No comedor, como todas as noites, estaban os anciáns aos que sempre lles puñan música e non paraban de rir e bailar. De feito, Lois chegou a bailar cunha muller que a pesar de ter os seus anos era moi divertida e movíase moi ben. 

Ao contrario dos outros días puidemos saír por aí de troula. A noite comezou no "Nicky's" onde nos atopamos rapaces e rapazas da nosa idade e de máis, de distintos sitios cos cales fartámonos de bailar. O dono da discoteca, que a verdade estaba un  pouco mal da cabeza, era máis ca divertido e tamén bailou moito con nós. Iso si, de vez en cando íamos ao "On Sempre" que era xa como noso, ademais levabámosnos tamén moi ben co dono, Toni.
Non sei moi ben a que hora chegamos ao hotel, iso si, todos estabamos moi felices. Foi unha noite inesquecible e divertida que lembraremos sempre.

Bueno xente, ata aquí a nosa entrada, espero que vos gustase e que queirades ver como acaba esta excursión tan divertida. Adeu :)

domingo, 15 de xuño de 2014

Día 3 en BCN versión chicas USA. ♥



Bones! Xa estamos de volta!

Nesta entrada contarémosvos todo, ou case todo, o que ocorreu neste día da nosa excursión.


Día 3, martes 8 de abril. 
Grupo enteiro da excursión
Comezamos o día espertando nas nosas respectivas habitacións. A verdade é que custounos levantarnos xa que aínda que a noite anterior non saíramos de troula, a trouxemos ás nosas habitacións. 

Vestímonos e nos xuntamos  co resto da xente no comedor para almorzar. A continuación collemos unhas caixas de pícnic que ían ser a nosa comida ese día, e dirixímonos ata o autobús, que nos levaría a L´Ampolla. 

Grupo que subimos no mirador

Na viaxe desde Calafell ata L´Ampolla fixemos dúas paradas: unha para coller ao noso guía, e outra para que algúns tomasen un segundo almorzo no centro de L'Ampolla. De aí xa ó nos destino, a entrada ao parque do Ebro, o Parc Natural del Delta de l'Ebre.
Os campos de arroz.

Na entrada explicáronnos en que consistía o que íamos ver. O sitio era fermoso a pé de costa pero ese día coincidiu que estaba nubrado. Andamos uns cantos metros ata que chegamos a un miradoiro  dende o que nos explicaron que todo o que se vía eran campos de arroz. Tamén tiramos unha foto de grupo.

Seguindo polo parque, vimos unha chea de campos de arroz, un tras outro. Despois fixemos unha parada nun fermoso lugar cerca da costa onde nós aproveitamos para tirar moitas fotos, as cales vos mostraremos:














No catamarán
Logo fomos comer (coas nosas caixas de pícnic) a un pequeno embarcadoiro onde, despois de comer, montaríamos nun catamarán. Alí parados estivemos esperando un bo rato ata que o catamarán chegase. Mentres esperabamos, algún mozos xogaban ao pañoliño e outros simplemente vagueaban.

Cando por fin chegou o catamarán todos corremos cara el para que nos tocase ir na parte de arriba e non ter que ir abaixo, na cuberta. Nós as tres logramos facernos un oco arriba pero como facía moito frío, fomos  refuxiarnos onde estaban os profesores. Non aguantamos moito sentadas, así que estivemos dando voltas pola parte de abaixo da cuberta tirando unhas estupendas fotos. Nesta parte do percorrido, o que conducía o barco ía dándonos unha explicación do Ebro. Tras chegar ao final, onde o río desembocaba no mar, deron volta para volver o embarcadoiro. 


No catamarán
Nesta viaxe de retorno, os condutores do barco puxéronos música motivadora e todos comezamos a bailar coma se dunha festa se tratase, na parte superior (xa se nos pasara todo o frío bailando!).

Tras chegar o embarcadoiro, collemos o bus e finalmente regresamos ao hotel. Esta noite por fin puidemos saír de festa a probar a troula de Calafell. 



Tras a cea, tocaba pórse guapas para saír. Como era martes non había moito ambiente e ademais, os rapaces dos outros hoteis non tiñan saído esa noite porque xa levaban unhas cantas seguidas.

Antes de saír.
Estivemos en dous locais: o On Sempre, que era moito máis pequeno e relaxado; e o no Nicky's, que era moito máis grande e agoniante, pero esa noite so estabamos nos.


En resumo, pasámolo xenial e iso que só era a primeira noite!
Finalmente, volvemos as habitacións mortas de cansazo e a durmir.

Chicas USA, día 2 en Barcelona ♥


Molt bones de nou!
Xa estamos de volta para seguir contándovos a nosa experiencia en Barcelona. Nesta entrada imos contarvos o noso segundo día alí. Imos alá! 

Día 2 en Barcelona, luns 7 de abril.
Ese día tiñamos que estar sobre as nove menos cuarto no comedor para almorzar.
Andrea levantouse antes que Iria, sobre as 8:15, xa que estaba demasiado cansa para ter que prepararse a esas horas da mañá. Laura segundo nos informou, ergueuse á mesma hora que Andrea aínda que nos as dúas temos as nosas dúbidas porque ela é moi vaga igual ca nós.

Cando chegamos abaixo aínda faltaba a gran maioría da xente polo que tivemos que esperar polos demais un bo rato. A verdade é que tiñamos moita fame e estabamos ansiosas polo almorzo. Ó chegar case todos os que faltaban, os profesores déronos permiso para entrar. A comida que nos ofrecían era do máis variada, dende uns bos ovos fritos ata unha peza de froita fresca. Nós optamos por coller algo lixeiro; unha cunca de café acompañada cun vaso de zume e uns croisans ou napolitanas minis. De todo o que probamos, o único que nos gustou foron os bolos xa que os zumes e os cafés/chocolates eran máis auga que outra cousa.

O plan previsto era pasar o día de visita no centro de Barcelona, polo barrio Gótico pola mañá, comer nun centro comercial na zona das Ramblas del Mar e xa pola tarde unha visita panorámica á Vila Olímpica.

Cando rematamos o almorzo, os profesores deixáronnos un rato para que fósemos a terminar de prepararnos. Nós baixamos un pouco máis tarde da hora acordada, aínda que de todas formas tivemos que esperar por algúns dos nosos compañeiros. Unha vez que xa estabamos todos, dirixímosnos ao bus no cal tivemos que estar cincuenta minutos para chegar a Barcelona e, como non, tivemos a Sergio e a Lois cantándonos os seus temazos todo o traxecto. 
Catedral de Barcelona.
Ao chegar, todo o mundo quedou atónito xa que a máis mínima cousa chamábanos a atención. O autobús deixounos nunha rúa que estaba situada ao lado das Ramblas. Tivemos que andar un chisco para atoparnos con Eva, a nosa guía turística. Foi a que  nos ensinou toda Barcelona ese día máis o mércores.

Comezamos a nosa visita polas rúas do barrio Gótico, no que vimos moitas cousas chulísimas. O primeiro que fomos ver foi a Catedral de Barcelona (que está adicada a Santa Eulalia) na Plaça Nova e unha vez alí, Eva explicounos a súa historia. A parte de vela por fóra, tamén tivemos o pracer de entrar. 
No interior puidemos gozar da súa arquitectura, a cripta onde se encontraba a patroa e o marabilloso claustro cun xardín cunhas cantas ocas e unhas palmeiras. 

Ao rematar a nosa visita a Catedral, seguimos vendo o barrio Gótico.  Pasamos pola Plaça de San Jaume, onde actualmente se encontra o Pazo da Generalitat Catalana e a sede do Concello de Barcelona; pola Plaça Real que era moi fermosa; vimos tamén a igrexa de San Felipe Neri que foi un dos escenarios da Guerra Civil, por último estivemos na Plaça do Rei e na capela de Santa Ágata (por fóra). Ao terminar a visita polo barrio Gótico, tomamos rumbo ás Ramblas. 
Final das Ramblas e
monumento a Colón
Naquela rúa tan longa, había tanta xente que era agoniante. Encontrámonos con moitos postos pequenos que vendían recordos, doces ou flores. Na parte que se une ó final das Ramblas coa Plaça de Colón, vimos que había dous mimos e, a verdade, e que foron os únicos que vimos porque, segundo nos explicou Eva, debíase a que o concello puxera unha estrita norma contra eles.

Xa na Plaça de Colón, atopamos o monumento a Colón que estaba no centro dunha rotonda. Naquela praza había moitos edificios importantes pero non houbo tempo de velos en profundidade xa que era hora de xantar.

Tivemos que cruzar as Ramblas del Mar para chegar ao noso restaurante que estaba no centro comercial Maremagnum. Puidemos gozar dun bufet libre no Restaurante Fresco, aínda que a maioría comemos pizza ou pasta porque estaba moi boa.

Ó rematar déronos un rato libre para descansar e fisgar polo centro comercial e os arredores. Dende aí tiñamos unhas vistas preciosas do mar e estábase de marabilla. Sobre as catro, dirixímosnos cara ao autobús para ir ao castelo de Montjuic. Para subir o cume do Montjuic onde se atopa o castelo, tivemos que andar unha terrible costa que nos deixou baldados. Dende arriba puidemos gozar dunhas marabillosas vistas panorámicas de todo Barcelona.
Ao baixar e subir ó autobús de volta o hotel, pasamos pola Vila Olímpica, polo Poble Espanyol e polo Estadio Olímpico Lluís Companys, entre outros. 

Cando chegamos déronnos un tempo para que puidésemos bañarnos e asearnos e máis tarde, baixamos cear. Ese día tampouco puidemos saír de troula pero deixáronnos algo de tempo libre así que fomos dar un paseo nocturno pola praia. Finalmente tivemos que ir cada un ós nosos cuartos xa que o día seguinte ía a ser moi movidiño e tiñamos que descansar.

Como Andrea emocionouse tirando fotos, decidimos colgalas nun vídeo de Youtube.



Ata aquí o noso segundo día por Barcelona, espero que vos gustase, estade atentos que pronto volveremos con máis entradas, adeu :)
  

xoves, 5 de xuño de 2014

Día 0 e 1 en BCN versión chicas USA


Molt bones de nou! (Moi boas de novo!)


Xa estamos de volta as moza de USA para contarvos todo sobre a nosa excursión de fin de curso a Barcelona para a que estivemos varios meses traballando. Unha nova aventura!

Nesta entrada deixamos atrás a nosa viaxe imaxinaria para dar paso a unha que vivimos hai pouco xunto ós demáis compañeiros de 4º do instituto.


Nunha parada que fixemos
durante o traxecto.

Día 0 e 1, sábado 5 e domingo 6 de abril. 

O sábado ás once da noite cargamos a pesada equipaxe no autobús, que nos esperaba na porta do instituto, e comezamos a nosa viaxe de catorce horas con destino Barcelona. 

Tras unha longa viaxe nun autobús repleto de adolescentes alterados e de Sergio máis Lois cantando todo o rato, chegamos por fin ó noso desexado destino, Calafell, un pequeno municipio costeiro de Tarragona, onde se atopaba o noso hotel a pé de praia. Estabamos aloxados no Hotel Ramblas Miramar, na primeira planta. Moi cansas instalámonos nas nosas habitacións e nos deron un rato de descanso ata a hora de comer.  Nesta ocasión non estabamos as tres xuntas xa que Laura decidiu abandonarnos por Ainhoa e Tamara (na 137) mentres que Iria máis Andrea quedaron noutra habitación (na 135).


Habitación de Iria e Andrea 
e vistas dende esta.
Sobre as dúas do mediodía baixamos ó comedor do hotel a xantar. Era tipo bufet polo que cada un collía o que quería. Ao rematar, Chefa, Suso máis Juan Carlos (Curi) déronos un rato de tempo libre por Calafell. Demos un paseo pola beira da praia xa que facía un día moi bo e ataaproveitamos para meter o pés na auga. A verdade é que estaba un pouco fría pero unha vez que te acostumabas facíase agradábel notar ese fresquiño nos pés.Sobre as catro da tarde preparamos as cousas da praia xa que íamos pasar o resto do día nunha praia de Vilanova i la Geltrú. A viaxe en autobús levounos uns corenta minutos e ó chegar separáronnos en tres grupos.

No aprendizaxe a vela.
Un tiña unha hora de xincana (tiñan organizadas carreiras de obstáculos ekaiak). Outro estaba unha media hora na iniciacións nos segways e ó que quedaba tocáballe a iniciación á vela. Íamos rotando nas tres estacións. Ata lle deron medallas a Brais máis a Jose por facer o mellor tempo na carreira!
Rematadas as actividades, sobre as oito da tarde, marchamos da praia para volver ó hotel. Alí nos duchamos e sobre as nove da noite baixamos a unha sala próxima para cear (ó comedor polas noites estaba ocupado por un grupo de anciáns que facían xornada de baile). 





Zona onde se encontraba o 
hotel Ramblas Miramar.

Tras a cea, os profes obrigáronos a andar polo paseo da praia para non ir durmir co bandullo cheo. Estábamos tan cansos que os ánimos eran como dun funeral. Andamos sobre media hora e ó chegar as nosas habitacións caemos rendidas na cama.

Ata aquí a chegada e o primeiro día por terras catalás. Estade atentos as nosas seguintes entradas porque prometen! Adeu :)

mércores, 4 de xuño de 2014

Día 5 e 6 en EE UU


Hello people!
Xa estamos de volta para seguir cotándovos a nosa experiencia polos Estados Unidos. Nesta entrada mostrarémosvos o noso quinto e sexto día en Nova York, esperamos que vos guste. 

Día 5 xullo.

Neste día comezamos espertándonos máis cedo do normal xa que tiñamos planeado descubrir moitas cousas novas. Cando estabamos almorzando puxemos en orde o noso axitado planning do día, adicado a pasar todo o día no distrito do Bronx. Nel naceu o Hip-Hop e tamén os New York Yankees, dous factores moi representativos de New York e tamén dos Estados Unidos. Ademais é coñecido por ser o berce das artes urbanas e das máis vangardistas.
Entrada do museo de artes de Bronx.
 (foto orixinaria de Manuela Martin)
Xa con forzas grazas a un gran almorzo, collemos un taxi para levarnos ao noso primeiro destino do Bronx, a Grand Concourse. Esta é unha vía pública duns 7'2 Km e o lugar máis característico e famoso de Bronx. Estibemos paseando durante unha hora e media. Non hai nada mellor que un bo paseo coas mellores para empezar ben o día.
Como non sabiamos moi ben como chegar ata o noso seguinte destino preguntámoslle a un mozo que había por alí (moi ben feitiño, a verdade) como podíamos chegar ata o Bronx Museum of Arts. Foi moi amable connosco e ata nos acompañou ó museo. Antes de entrar decidimos ir a un Starbucks para tomar un refrixerio de media mañá acompañadas do mozo. Cando el tivo que marchar, optamos por entrar.

Entrada (foto orixinaria de sheri silver)
Xa dentro do museo, vimos unha exposición de arte urbana. Atopamos cousas de todo tipo que nos chamaron moito a atención, xa que se trataba dunha arte modernista e moi vangardista. A algunhas obras non eramos capaces de encontrarlle o sentido pero grazas a guía que nos acompañou durante toda a visita logramos entender a finalidade destas. Tamén nos dixo que éramos moi afortunadas de estar ese día xa que no museo encontrábase o autor da exposición. Tivemos a sorte de poder coñecelo e tamén o privilexio de que nos explicase unha das súas obras máis recoñecidas. 
Ó rematar co percorrido da visita, tivemos un ratiño para charlar co autor da exposición máis outros artístas que se encontraban alí. Nós comentámoslles que nos encantou poder gozar daquelas marabillas. Comentámoslles que a Andrea e a Iria lles encantou a parte de fotografía pero que, sen embargo, a min gustáronme máis as esculturas.

Saímos de alí sobre as dúas e media do mediodía e cunha fame tremenda e paramos nun posto de comida rápida. Cada unha pediu o seu e cando nolo serviron quedamos abraiadas polo tamaño das racións. Non conseguimos acabalo todo pero quedamos cheas.
A verdade é que esta comida non era moi saudable pero nesta viaxe non tivemos en conta o de engordar uns quiliños de máis. Xa tocará facer operación bikini á volta a España. Antes de ir ó noso seguinte destino, estivemos dando un paseo polas rúas da zona xa que o Andrew Freedman Home (un antigo pazo de 1924) estaba case ó lado do museo.

Patio traseiro do Andrew Freedman House
 (foto orixinaria de Christina Crowl)
Nalgunhas ocasións, este pazo é utilizado como albergue de diversas exposicións de arte e nesta ocasión tivemos a gran coincidencia de atoparnos con unha. Ao entrar, gozamos dunha exposición completamente diferente á do museo porque esta era máis de tipo antiga.
Tras unha longa visita, fíxosenos noite polo que era hora de volver a "casa". Pedimos un taxi e nos levou de volta ó hotel. Ceamos e non tivemos forzas para ir de troula como tiñamos previsto, polo que nos demos un baño de auga quente e directas para cama.

Día 6 xullo.
Neste día da noxa viaxe quedamos un pouco máis na cama porque seguíamos cansas de tato camiñar o día anterior. 
Xa vestidas e ben alimentadas, o plan que tiñamos era un tour gastronómico por Little India, onde nos esperan un montón de pratos novos por descubrir!! 

Calles de Little India.
Fomos directas ao metro para que nos trasladase a este pequeno barrio de New York. Alí había un gran círculo de xente rodeando un espectáculo de baile, o que nos chamou a atención xa que, a parte dese, había unha morea de artistas de rúa naquela estación. A xente estaba cos seus móbiles grabando aos fantásticos bailaríns. Tras unha pequena viaxe naquel vagón que fedía a humanidade, cheo de xente con traxe ou de persoas canto menos peculiares, saímos por fin á superficie de novo. Xa estábamos en Little India. 
O máis salientable deste lugar era a gran cantidade de cores que había polo barrio. Era fermoso. Parecía que nos tiñamos tele transportado á mismísima India porque era totalmente diferente ao que estabamos acostumadas a ver días atrás. Fomos dando un paseo para descubrir todos os establecementos ata chegar a un bar que atopáramos facendo unha busca en Google. Non sabíamos o que pedir pola gran variedade, entón decidimos preguntarlle ó camareiro que nos recomendase un bo prato de iniciación. Recomendounos o dal, que é un prato típico de legumes secas. A nos as tres non nos gustou moito pero tiñamos que probalo para sabelo, ademais non estamos acostumadas a ese tipo de comidas.

Dentro dun comercio
 (foto orixinaria de 何塞埃利亚斯 (何塞·克鲁兹))
Despois disto seguimos paseando polo barrio parando cada dous por tres en cada establecemento por cousas típicas de India que nos chamaban a atención, pero como tiñamos tempo gozabamos da cantidade de obxectos fermosos que había. Andrea e eu (Laura) seguimos camiñando pola rúa e foi aí cando nos demos conta que perderamos a Iria xa que a súa ausencia faixe notar. Chamámola unha chea de veces pero nada, a rapaza non nos collía o móbil. Despois dun bo rato buscándoa, atopámola dentro dunha tenda alucinando por todas as especias que había naquel comercio, e o mellor que ela nin se dera conta de que nós non estabamos. Para esquecer o incidente, decidimos tomar un refrescante xeado e así, facer máis levadeiro aquel caloroso día.  
Xa eran máis das 5 da tarde e aínda non foramos xantar. A verdade que non tiñamos demasiada fame pero encontramos un local de comida rápida con comida típica hindú e decidimos probar. Está vez probamos as samosas vexetarianas que nos gustaron bastante. Enchendo a barriga aínda máis seguimos dando voltas polas rúas.
Visto todo o barrio, volvemos ó noso hotel sobre as 7 da tarde porque tiñamos previsto probar a segunda noite de troula por New York. Esta vez íamos ir ao East Village, que é unha das zonas de ambiente para xente nova. Decidimos pedir un taxi e unha vez alí empezou a festa. Foi unha noite moi longa polo que vai ser mellor non entrar en detalles da cantidade de cousas que pasaron. O que pasa en New York quédase en New York. Só dicir que volvemos bastante tarde ó hotel.

Con estes últimos relatos rematamos as entradas desta viaxe imaxinada. Dicimos adeus a EEUU para dar paso a Cataluña, á nosa excursión de fin de 4º ESO. É unha mágoa non ter podido terminar de contar toda a experiencia que nos estabamos a imaxinar as tres, pero seguro que o noso paso por Barcelona vaivos gustar. 
Esperámosvos na seguinte entrada, ata entón... 
Bye-Bye!

mércores, 28 de maio de 2014

Día 3 e 4 en EE.UU.



Hi people!
Xa estamos de volta cunha nova entrada da nosa incrible viaxe! Nesta ímosvos falar do noso terceiro e cuarto día polas rúas de New York.

DÍA 3 XULLO. 

Vendo o partido dos NYY
(foto orixinal de Rachid Brasil)
Neste xoves xa estabamos máis descansadas por iso decidimos espertarnos antes para poder aproveitar mellor o tempo. Primeiro fomos ver un partido de béisbol dos New York Yankees. E despois pola tarde, marchamos ver a famosísima Statue Of Liberty National Monument
(en galego "Estatua da liberdade") pero antes, tíñamos que ir
 almorzar xa que morríamos da fame. Despois de encher a barriga e con moitas ganas de seguir a nosa viaxe, dirixímosnos ata o estadio dos New York Yankees, o Yankee Stadium, para ver o partido que xogaba este equipo contra os Boston Americans. O NYY é un dos equipos máis coñecidos nos Estados Unidos en canto a béisbol, xa que é un profesional da Liga Americana.
Xa dentro do estadio dos NYY
(foto orixinaria de Rachid Brasil)
Para chegar ó estadio decidimos coller un taxi xa que nos quedaba bastante lonxe e non nos apetecía andar moito porque somos un pouco vagas. Unha vez alí, quedamos sorprendidas polo grande e impresionante que é aquel estadio. Durante un rato demos un par de voltas por fóra coa boca aberta e os ollos coma pratos. Ao entrar ó interior, a cousa non cambiaba xa que seguía sendo incriblemente grande e bonito. Para non perder nin un detalle, sentamos nas primeiras filas das gradas. A verdade que a experiecia deixounos atónitas porque aquel espectáculo era diferente ó que estamos acostumados os europeos. Para empezar, o béisbol é un deporte lento por iso os partidos fanse bastante longos; os estadios acollen moitísima máis xente que o fútbol por exemplo; é moi característico a comida que hai a vender porque é destas que engordan nada máis mirala; e por último a cousa que máis nos chamou a atención é o que se fai despois da sétima ronda, o chamado "seventh-inning stretch" que é un descanso para que todo o público se poña de pé e estire as pernas mentres se cantan cancións a coro.
A Estatua da Liberdade dende o barco.
Cando estaba a piques de rematar o partido, o bateador deulle un gran golpe a bola con tanta sorte que esta veu a parar a nós, quedándonos con ela como recordo. Ó rematar o partido case afónicas polo que berramos, decidimos parar nun pequeno restaurante da zona para comer e descansar un rato antes de ir ao seguinte destino. 
Volvemos nun taxi ata o sur de Manhattan para despois coller un barco que nos levou ata a Estatua da Liberdade.
Unha vez que chegamos a illa da Liberdade, quedamos aínda máis sorprendidas do que estabamos xa. É unha estatua xigantesca de, nada máis e nada menos, que case 93 metros de altura. Grazas a que ten instalados ascensores puidemos subir ata o miradoiro que ten arriba de todo e librámosnos de subir 354 chanzos. 
Manhattan e o Bridge Brooklyn
dende a illa da Liberdade.
Cando chegamos ó miradoiro, foi a primeira vez en toda a viaxe que as tres nos quedamos sen fala. Había unhas asombrosas vistas dende aí arriba. Aproximadamente estivemos sobre unha hora, o suficiente para que dese tempo a escurecer e así poder ver a paisaxe pola noite. E se de día impresionaba, de noite era incluso máis fermoso. 
Máis tarde, sobre as dez e media da noite, decidimos volver a Manhattan no barco e despois coller un taxi para que nos levase ao noso hotel. Estábamos tan cansas que foi ir cear, volver a habitación e caer rendidas na cama.

DÍA 4 XULLO.