Amosando publicacións coa etiqueta Madrid. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Madrid. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2014

Javier vai á Expomanga 3ª parte

No meu último día da miña estancia na cidade de Madrid, non sucedeu nada interesante salvo que tiña que prepararme para coller o tren que me ía traer de volta a Galicia. Saímos moi xustos de tempo cara a estación de Chamartín. Por desgraza, non puiden chegar a tempo e acabei perdendo o tren.

Afortunadamente, ía chegar outro que ía a coincidir na estación de Ourense co tren que perdín e que sairía en vinte minutos.

Tomei o tren cara a Ourense e, tras moito tempo de interminable espera estresante, cheguei á estación. Alí estreseime de novo buscando a vía na que tiña que facer o enlace co tren que me levaría ata Guillarei. Cando cheguei alí otren non estaba, o que fixo que se me parase o corazón do susto. Aínda non chegara!

O resto da viaxe transcorreu de forma normal e cheguei a Guillarei moi contento( unha por ir á Expomanga e outra por non perder o tren).

Espero que vos gustara esta historia sobre a miña viaxe real a Expomanga de Madrid, pero antes de marcharme e deixarvos, adiantaréivos que penso ir de novo o ano que vén, e vouvos dar un consello para os que querades ir algún día: comprade as entradas por internet días antes e collede a cola a iso das 7:00 ou 8:00 da mañá. Non, non é broma, facédeme caso se non queredes estar todo o día esperando a entrar e, ao final, ter que marchar polo esgotamento das entradas ou porque non haxa máis espacio no edificio.

 ATA LOGO!!!!



Javier visita á Expomanga 2ª parte

Ao despertarme, fun directamente a almorzar, despois prepareime e púxenme o traxe da Organización XIII, dun videoxogo chamado Kingdom Hearts

Levoume o meu tío Miguel acompañado polo meu primo José Miguel (que foi disfrazado de Spiderman). Ao chegar, xa a xente me pedía unha foto (en solitario ou en grupo) e eu tampouco ía a ser menos, así que me puxen a facerme fotos coas persoas que tiñan traxes bos antes de entrar na fila para comprar as entradas. Estas son algunhas das fotos.


O que vai de negro son eu. Estas son unhas das fotos que teño das persoas coas que tirei algunhas fotos. Estas son das mellores.
As seguintes horas foron un pouco aburridas debido á lonxitude da cola. En total estiven dende as 8:30 h ata as 18:00 h!


A foto de arriba mostra a metade da fila cara abaixo e a de abaixo mostra a fila dende o final cara arriba. Se pensades que esta fila é longa pois vos teño que dicir que a fila para entrar na Expomanga é 5 ou 10 veces máis grande.

E cando estaba a piques de ser a miña quenda para mercar por fin as entradas, esgotáronse. Quedei cunha cara de decepción mesturada con enfado! Déronme gañas de colarme pola forza, pero non o fixen porque o traxe non me permitía moita liberdade para correr. 

O lado postivo de todo isto é que coñecín a moita xente cos meus mesmos gustos, visitei aos meus tíos e primos e, a pesar de que non puiden entrar na expo, foi o mellor momento da miña vida. 

domingo, 15 de xuño de 2014

Terceiro e último día en Madrid.

Tras o enorme cansazo da Expomanga, na que pasei todo o día camiñando dun lado para outro e tirando fotos, quitei a maquillaxe, a perruca e os cornos e fun directa ao hotel a durmir. 

Ao día seguinte custoume bastante erguerme, pero era o meu último día e tiña que percorrer un pouco Madrid xa que me ía pola noite e tiña un longo día por diante.

Ese día quedei co meu amigo, o que me acompañara en tren ata Madrid, Mario, e ambos os dous fomos facer un pouco de turismo pola capital. Quedamos na praza de Callao, e dende a Praza do Sol e tras dar un par de voltas sen saber ben onde ir, decidimos ir a Chueca

Coñecido por ser o barrio gay, nada máis chegar vimos que tiña un ambiente distinto; aí cada un ía vestido como lle daba a gana e sen importarlle o que dicían os demais.

Chueca © es.wikipedia.org
Unha vez alí, observamos un pouco o ambiente e as tendas, para logo volver de novo. Fomos ata un Starbucks a tomar algo e, desgraciadamente, pasamos pola praza de Neptuno onde os do Atlético do Madrid estaban de celebración; obviamente aquilo estaba repleto de xente. 

Plaza de Neptuno © www.fuenterrebollo.com
Sen ter outro remedio fomos por aí, pero un policía parounos e revisounos as mochilas por se levabamos algunha arma ou iamos causar algún altercado naquela celebración, cando nós só estabamos de paso. Pero preferimos non dicir nada, e abrimos as mochilas para que nos deixasen pasar e seguir noso camiño. 

Collemos un par de cafés, e tras esquivar un montón de berros e xente emocionada por aquela vitoria, chegamos ata o parque do Retiro. Alí tirámonos nun dos bancos, vendo como atardecía e non deixaban de pasar un montón de bandeiras do equipo de fútbol.

Parque do Retiro © www.viajarsinprisas.com
Unha hora antes de marchar, fomos ata o hotel onde me hospedaba e onde quedara coa miña tía para recoller as maletas que deixaramos alí. Collémolas, e collemos o metro para volver á estación de Chamartín, e esperar a que o tren ata Vigo chegase. Ía nun tren hotel, así que non tiña problema xa que podía durmir alí e iamos chegar a Galicia sobre as sete da mañá.


E ben, esa foi a miña viaxe de tres días, no que fixen bastantes cousas pero o tempo se me pasou voando. Espero que o gozásedes!

sábado, 14 de xuño de 2014

Día 2: Isa na Expomanga!

Despois de pasar unha mala noite, na que apenas durmín seis horas debido aos nervios, espertei ás 7:30 da mañá. O motivo, a Expomanga de Madrid, que era durante a fin de semana do 17 e 18 de Maio.

Cartel da Expomanga 2014 © vidmang.blogspot.com.es


É un evento que se celebra cada ano, dende o 2011, no que a xente amante da cultura xaponesa se reúne nun recinto onde mercar cousas traídas directamente do Imperio do Sol Nacente. Algúns chegan mesmo a ir "cosplayeados" (disfrazados) do seu personaxe de manga (cómic xaponés) ou videoxogo favorito, sendo un lugar tamén para lucir o seu disfrace e que a xente lles tire fotos.

Como sempre adoita ir unha gran cantidade de xente, tiven que espertar cedo; e tamén porque eu e unha amiga miña iamos ir disfrazadas e ela tiña que vir ao hotel para prepararnos. Ambas as dúas fomos de dous personaxes dun webcomic chamado Homestuck.

Homestuck comeza co aniversario de John Egbert, cando recibe unha copia beta dun próximo xogo de ordenador chamado "Sburb". John instala o xogo no seu ordenador xunto os seus tres mellores amigos de internet, iniciando a fin do mundo. A medida que comezan a explorar o mundo de Sburb, John e os seus amigos vense acosados por un grupo de doce -que non son humanos, senón unha especie alieníxena chamada "Troll" - que xogaron ao xogo antes, e cada un deles representa un signo do zodíaco.

Ambas íamos de trolls, que representaban o signo Libra e Escorpio respectivamente.


Terezi Pyrope (Libra) e Vriska Serket (Escorpio) ©  www.mspaintadventures.com

E este foi o resultado:

Eu de Terezi (Esquerda) e a miña amiga Lucía de Vriska

agora vouvos contar a miña experiencia ao longo do día nun prezi.

mércores, 11 de xuño de 2014

Javier vai á Expomanga. 1ª parte

Ola a todos e benvidos á historia da miña viaxe a Madrid para participar nun evento chamado Expomanga.
Este evento é para xente á quen lle gustan estes cómics e personaxes, ademais serve para coñecer a outras persoas con intereses semellantes, facer novos amigos, disfrazarte do teu personaxe favorito, etc.  

Comecei a miña aventura collendo o tren na estación de Guillarei. A viaxe fíxose moi longa porque as películas que nos puxeron foron moi aburridas, pero a paisaxe era fermosa. 


Sentei no lado do corredor, isto molestoume un pouco porque me gusta ir na ventá para gozar da paisaxe, pero a persoa que estaba nese asento levantábase cando chegabamos a unha estación, tardando media hora en volver. Ao principio pensei que estaba no tren sen billete por algunha razón, pero logo descubrín que era un fumador e estaba falando con outro individuo, ambos foron simpáticos ao final.

Cando cheguei, a estación de Chamartín estaba tan chea que non puiden ver ao meu tío, e tardei en darme conta de que me estaba a chamar. Xa na casa dos meus tíos en Alcobendas, cenei uns anacos de pizza que lles sobraran no xantar, vin con eles unha película e fun para a cama, pero non podía durmir porque estaba nervioso pola visita á Expomanga do día seguinte. 

mércores, 4 de xuño de 2014

Primeiro día en Madrid

Boas!

Veño presentar o itinerario que fixen durante a miña viaxe, algo curta debido a que estiven unicamente tres días para ver os lugares máis importantes e emblemáticos de todo Madrid.

O venres 16 fun ata Vigo ás oito e media da mañá para coller o tren, acompañada pola miña tía. Casualmente, na estación atopeime cun amigo meu de Vigo que tamén ía a Madrid ese mesmo fin de semana para ir á Expomanga. Así que durante as seis horas que duraba o traxecto en tren foi o meu compañeiro de viaxe, e fíxoseme máis curto.

Chegamos á estación de Chamartín case ás tres da tarde e, nada máis baixar, tivemos que coller o metro para chegar ao hotel situado nunha das rúas preto da praza de Callao, no centro. Unha vez alí despedinme do meu amigo e fun ata o hotel a deixar as maletas e a comer algo.
Plaza de Callao © www.lastorresdepapel.blogspot.com
Saímos do hotel e fomos camiñando ata o Museo Thyssen-Bornemisza, situado preto da fonte da Praza de Neptuno, onde os do Atlético de Madrid celebran as súas vitorias. Alí había unha exposición sobre o pintor Paul Cézanne: un pintor postimpresionista do século XIX considerado o pai da pintura moderna. A exposición titulábase site/non site; este concepto mostra a mestura entre o seu traballo ao aire libre e no seu estudo, e a relación entre a paisaxe e a natureza morta.

O que máis destacaba dos seus cadros eran os bodegóns. Neles nunca pintaba flores porque se murchaban rápido, e por iso buscaba froitas que estivesen frescas varios días.
Naturaleza muerta con cerezas y melocotones © www.laminas-y-posters.es
Debuxaba tamén moitAs bañistas, e os seus cadros estaban moi influenciados coa mitoloxía grega; concretamente co relato de Apolo e Dafne. Neles sempre destaca que un dos bañistas ten as súas mans na cabeza, e o seu corpo estirado, como crecendo. Os seus pés cravados firmemente no chan, coma se fosen as raíces; e as súas mans coma se foran as ramas e o seu pelo representando as follas.

Bañistas delante de la tienda © www.quepintura.com
Un dos meus cadros favoritos foi dos últimos que se mostraban na exposición e dos últimos cadros que pintou antes da súa morte. Está inacabado, xa que se ven trazos do debuxo, abaixo, onde debería haber pintura.

El pueblo de Gardanne © jalopezblog.wordpress.com
Estivemos alí dúas horas que se me fixeron moi curtas, e logo fómonos dar unha volta simplemente para cear e volver ao hotel; xa que tiña que madrugar bastante para o día seguinte.

Ben, e ata aquí a entrada. Saúdos!


sábado, 24 de maio de 2014

Introducción da viaxe a Madrid

Ola de novo!

Veño a presentar un pouco o sitio ao que vou ir: Madrid, que todos coñecemos ao ser a capital e unha das cidades máis importantes de España. É a máis poboada, contando con máis de 3.000.000 habitantes no ano 2013. Como capital, alberga as sedes do goberno e a residencia oficial onde viven os Reis de España e o Presidente do Goberno.

Os símbolos de Madrid son a bandeira carmesí, propia dos concellos, e o escudo tradicional co oso e o arbusto de albedro, xunto á coroa real antiga.

O que se esconde tras o escudo é que, aínda que sempre se fala do "oso e o albedro" antigamente era unha osa. E o arbusto non era de albedro, senón que era unha árbore de froitos vermellos; que axudaron a curar unha praga que asolaba a cidade. Durante un tempo tamén tivo un dragón, aínda que algúns sinalaban que era unha cobra ou un grifón. 

Bandeira de Madrid © www.paginabierta.com

 
Escudo de Madrid © www.elmundo.es


A historia de Madrid trasládase á época da dominación romana, chamándose Ursaria ao principio. Os árabes foron os fundadores da cidade a finais do século IX, co obxectivo de protexer Toledo. Trala conquista de Toledo por Alfonso VI a cidade pasa a mans cristiás. 

Felipe II trasladou a corte de Toledo a Madrid, e coa súa chegada a cidade comeza a crecer. Con Felipe III constrúese a Praza Maior e amplíanse con fontes os terreos dos Xardíns do Retiro. Madrid viviu un período de esplendor cultural con autores como Cervantes, Quevedo, Góngora, Velázquez, Lope de Vega ou Caldeirón de la Barca. Tamén se inicia a construción do Pazo Real, no solar do antigo alcázar. Carlos III, coñecido como o mellor alcalde de Madrid, fixo paseos, sistemas de rede de sumidoiros, iluminación pública, etc.

En febreiro de 1808, Napoleón, coa escusa de que non se respectou o pacto secreto de Fontainebleu (deixar paso libre por España aos franceses, para invadir Portugal), envía un poderoso exército. Ao mesmo tempo, tropas francesas entraron ocupando Cataluña. Desta forma, cidades como Barcelona e Pamplona quedaron baixo dominio francés. Polo motín de Aranjuez os madrileños derrocan a Carlos IV e poñen a Fernando VII.

Fernando VII, prisioneiro do exército francés, é obrigado baixo pena de morte a abdicar.
A situación faise moi tensa na capital. O 2 de maio, a multitude comezou a concentrarse ante o Pazo Real. O combate durou horas e estenderíase por todo Madrid. A represión é cruel, fusilamentos ordenados polo bando dos franceses contra todo español que porte armas. Así finaliza o levantamento popular do "dous de Maio" de 1808. 

Napoleón nomea ao seu irmán José I no trono, dando lugar á Guerra de Independencia ata 1814. Durante a guerra nas Cortes de Cádiz elabórase a primeira Constitución española, promulgada o 19 de marzo de 1812, festividade de S. José; polo que foi denominada popularmente La Pepa, "Viva La Pepa". Trala derrota das tropas de Napoleón, Fernando VII volve ao trono de España, deroga a Constitución, persegue aos liberais constitucionalistas e comeza un sistema de ríxido absolutismo.
Viva la Pepa © eltovarich.blogspot.com

En 1871 Madrid ten xa 400.000 habitantes e ábrense as primeiras liñas de tranvía, que unen a Porta do Sol cos barrios máis afastados. En 1919 ábrese o primeiro tramo do metro, Sol-Catro Camiños. Durante a posguerra a cidade mantense en crecemento pola emigración doutras provincias españolas, converténdose nun lugar onde se mesturan influencias e culturas das distintas rexións.

O dinamismo cultural foi posible ao restablecerse a democracia, que permitiu que a vila madrileña se transformase nunha cidade moderna e cosmopolita. A súa riqueza monumental e o seu tesouro artístico nos seus museos convértena nunha metrópole europea onde conflúen culturas variadas e tendencias.

E ata aquí un pouco a historia sobre Madrid. Ata pronto!

xoves, 8 de maio de 2014

Presentación da miña viaxe a Madrid

Ola de novo!

Son Isa, e xa que non fun á viaxe de Barcelona como o resto dos meus compañeiros, decidín facer unha viaxe real aparte da de Xapón. Marcharei pola miña conta e escollín como destino a capital de España, Madrid. Irei contando o que vou facer e que sitios vou visitar nos catro días que vou estar alí. Espero que o gocedes igual ca mín.

Lémonos!