Amosando publicacións coa etiqueta María. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de xuño de 2014

As dobre M van a PortAventura


Que desgusto tan grande! O último día da viaxe xa chegara e todos tristes comezamos a recoller as nosas cousas (teriamos que telas recollido a noite anterior pero... a cabeza non daba para máis). A verdade é que a viaxe fora estupenda, que formaramos unha pequena familia onde todos falaban con todos e non había unha palabra mala para ninguén. 
Pomos as nosas maletas cheíñas de agasallos e de bos recordos ás costas e despedímonos do hotel Miramar, 

Organizamos a nosa equipaxe no bus, e veña, poñémonos de camiño a PortAventura, o gran parque de atraccións de Tarragona. Era o primeiro día que abría esta tempada e por iso estaba repleto de xente. 

Unha vez alí, tirámonos na entrada e quedamos a durmir, uns por riba doutros, xa que estabamos cansos da festa da noite anterior. Tardaron case dúas horas en darnos as entradas polo barullo de xente que había, e cando por fin as tiñamos nas nosas mans fomos para dentro con toda a ilusión. Pero esa ilusión rematou cando vimos as tremendas colas das atraccións; tiñas que esperar como mínimo dúas horas para gozar de 30 segundos de atracción! 

Neste día, nolas dúas non estivemos xuntas practicamente, pero si subimos xuntas á primeira máquina do día, o Furious Baco. Estivemos un montón de tempo na cola e, de repente, din que houbo un problema técnico e que paraban a atracción. Gracias a iso marchou un montón de xente e nós quedamos moito máis cerquiña do principio da cola, a verdade é que toda espera pagou a pena. Que incrible foi! Descargamos toda a adrenalina que levabamos dentro.

Logo fomos comer á Cantina mexicana, onde hai que dicir que a comida era noxenta: uns macarróns que ata un neno pequeno fai mellor, e unha carne que non quedou claro se era comestible ou estaba para adornar o prato. 

Despois da comida, cada unha de nós foise por un lado, Marisé montou no Dragon Khan, na caída libre e outra da cal non lembramos o nome; María probou o Shambala e unhas máis pequeniñas. 

Marisé, Sebi, Andrea, Jose, Gwen, Cecilia, Lois, Nerea e Tamara, na cola do Dragon Khan, tiveron unha certa discusión cunha moza que ía por aí colándose e molestando á xente. Levaba un micrófono de xoguete e facíanos preguntas bobas, non nos deixaba tranquilos e molestábanos, así que eu, Marisé, farteime un pouco e díxenlle que nos deixara en paz, que se quería falar falase pero con outra xente. Púxose un pouco farruca e nos deixou en paz pero logo tentou colarse por debaixo das barras, así que a collín pola chaqueta e díxenlle que non fora tan lista, que todos queríamos apurar pero estabamos esperando, así que ela tamén. Tras un cruce de miradas asasinas, colleu e volveu para o seu sitio. Pagou a pena ter que aguantala porque a experiencia do Dragon Khan foi incrible. Nerea non deixaba de dicir que quería baixar, que non sabía para que subira, que non quería estar alí, pero logo estaba toda contenta  e non paraba de rir, iso si, un dos da organización levou todo un piropo dela cando parou a atracción.

Non podemos contar moito máis de este día porque todo se resume en esperar colas, tirar fotos e facer o parvo coma sempre. 

Ás sete da tarde, todos reunidos na fonte, preparabámosnos para marchar. Oficialmente a viaxe tocaba o seu fin, Galicia estábanos esperando cos brazos abertos e os oídos tamén, para escoitar todas as nosas aventuras. 

Adeus, adeus Barcelona, cada un no seu sitio sentado co seu acompañante falaba e contábanse todo tipo de cousas, a maioría estaban espertos porque era cedo e aínda había que facer a parada para cea, iso si, foi parar a cear e todo o mundo comezou a durmir naquel bus, que máis que un bus era unha sauna, non vos podedes nin imaxinar o calor que alí ía, parecía que te abafabas ata.

Os de atrás estabamos mortos de calor e os de diante pedindo que puxeran a calefacción, pero aquilo era realmente agoniante, so respirabas cando facían as paradas de descanso. 

No bus, como non, os únicos que falaban algo eran Sergio, Héctor, Lois e Marisé aínda que Héctor estaba maliño. 

Para rematar, chegamos a Salceda, todos os nosos familiares estábannos esperando, algúns desexando que volvéramos e outros que marcharamos de novo. Despedímonos dos nosos compañeiros sabendo que os íamos botar de menos e ala, a gozar da Semana Santa. E aquí está a nosa última entrada. Xa sabedes case tanto da nosa viaxe coma nós.

martes, 17 de xuño de 2014

Marisé e María fan de deportistas

A festa do día anterior estaba empezando a pasarnos factura a todos, as nosas cariñas de sono eran terribles pero aínda así había ganas de explorar todo o que nos quedaba por ver.
Como durante toda a viaxe toca levantarse as 8:45, darse unha duchiña rápida para despexar mellor e chegar tarde ao almorzo no caso de que sexades Marisé, Nerea e Laura F.

Este día tivemos o mellor almorzo de todos, unhas napolitanas pequechiñas recheas de chocolate, cunha capa de mel moi fina por riba que te subían ao mesmo ceo cando entraban en contacto co teu padal. Tamén había zumes que... moi ricos non estaban, pero quitaban a sede.

Veña, en marcha! Subimos ao bus cara Vilanova i la Geltrú, porque íamos  facer unhas sesións de vela, kayak, fútbol e volley.  Chegamos alí, estábase de marabilla, así que, todos nos dispuxemos a mudarnos e pór os nosos bañadores, algúns tamén puxeron traxe de augas para non ter frío na vela e no kayak. 

Por sorte, a nos as dúas metéronnos no mesmo grupo e, dentro dese grupo, dividíronnos entre mozos e mozas para dar un relaxante paseo en vela polo mar. Tiñamos que estar un pouco atentos ao funcionamento da vela, pero nós estabamos feitas unhas expertas xa.  O noso monitor era moi amable e bastante divertido, informounos de que ao lado da praia estaban facendo unha discoteca moi grande, que promete moito. A todo o grupo nos gustaría volver para vela xa acabada e probar as súas bebidas e demais. 

Coa brisa mañaneira adentrámonos no mar con aquel "cachibache" que comezabamos a coñecer, o aire dando nos nosos cabelos sentaba tan ben que nos daban igual o resto das actividades, se por nós fose quedabamos coa vela todo o día. Entre conversa e conversa, pasóusenos o tempo voando e xa era hora de chegar á beira e facer o cambio de grupos. 


A segunda actividade do día consistía en facer unha pequena ruta en kayak por parellas. As nosas eran Isa e Mar, pero hai que dicir que Marisé e Isa eran as mellores. María e Mar só intentaban chegarnos aos talóns, a verdade é que aquilo tiraba dos brazos que daba gusto, se chegamos a practicalo unha semana máis acabamos fortísimas. 

Rematamos a xornada de actividades da mañá, collemos o noso pícnic e fomos comer a uns xardinciños que había alí e entre parvada e parvada, moitos quedamos durmidos. Esa sesta deunos a vida a todos.

Poñémonos en pé, volvemos formar os grupos e veña, a facer un pouco de volley para mover o corpo, hai que admitir que o noso grupo non era o mellor de todos pero aínda así logramos gañar varias veces e con moitísimo estilo. A todos nos encantaba aproveitar o brando chan para tirarnos e facer o parvo sen mancarnos. Despois, toca fútbol do cal non imos falar demasiado porque en vez de fútbol andabamos a troulear coma nenos pequenos todos. Por último, mergullo rápido, duchiña nos vestiarios e de volta para o hotel que tocaba ir de festa.

Como tiña que ser preparámonos todos; modeliño por aquí, modeliño por alá, todos guapísimos como non podía ser menos, ceamos e ala! Por fin chega o momento da festa, o máis esperado do día, o Nicky's e o On Sempre estábannos esperando e non lle podíamos fallar. Cada un collía aos seus amigos e ía dar unha volta antes de meterse nalgunha das discotecas sen esquecer que as 11:30 h tiñamos reunión cos profes.

Despois desa voltiña xa tocaba, primeira parada: On Sempre. Alí ti puñas a canción que desexaras e a verdade é que o maior éxito foi a do ''maridón". Parecíamos tolos pero non importaba, bailamos todo o que puidemos, algúns intentaban ligar cos mozos e mozas e outros simplemente se rían dos demais, foi divertidísimo. 

A noite era curta e o noso tempo no On Sempre estábase demorando demasiado, así que decidimos ir cara o Nicky's. Esperamos unha pequena cola na entrada e xa, con moitas ganas metémonos alí. Que grande era! Luces por todas partes, unha música que te movía ela soa as pernas para bailar e un dono que daba gusto falar con el. Chegan as 2 da noite e os nosos queridos profes, que non tiñan o noso aguante (coitados!) querían volver para o hotel, como podedes supoñer nós non nos queriamos ir pero non tiñamos outra opción así que marchamos. 

Xa no hotel cada un organizou a súa noite, todos planeabamos a nosa fuxida da habitación con gran esmero para que os profes non se deran conta, pero ao final eramos do máis escandaloso que había. Ímosvos contar unha boa anécdota: ese día, unhas compañeiras chegaron da festa e, para non facer ruído máis tarde ao abrir a porta, puxeron un zapato. Despois desvestíronse e ao momento notaron que se fora a luz, acercáronse á zona onde se pon a tarxeta para ter electricidade e non estaba, o Curi quitáralla! Foi unha boa maneira de pillalas.

luns, 16 de xuño de 2014

Visita ao CosmoCaixa e a Sagrada Familia by: María e Marisé

Estamos a mércores, chega a metade da nosa viaxe, pero aínda tíñamos moitas anécdotas por vivir.

Comezamos o día como era habitual, ás nove menos cuarto todos reunidos na saliña que estaba ao lado do comedor, polo menos esa era a teoría, na práctica sempre había alguén (Marisé) que chegaba tarde. Despois chegaba a habitual cola para coller a comida, non había moitas cousas interesantes para aproveitar, pero quedábanos a máquina de zume defectuosa, que en vez de botar piña, botaba auga. A pesar diso, o de biofrutas estaba delicioso. Como todos os días, había xelatina no andel, Marisé ódiaas, pero a María dábanlle a vida cada mañá. 

O bus xa nos esperaba no mesmo lugar de sempre, ao lado do estanque tan bonito que finalizaba na praia. Subimos ao bus e puxemos rumbo cara ao Camp Nou, que aínda que só visitaramos dende fora, deixou unha boa impresión nas nosas mentes. A nós persoalmente pareceunos ostentoso, pero xa sabemos o que pasa co fútbol, e máis en BCN. A tenda de agasallos e equipaxes do Barça tiña tres pisos! O estadio, era tan alto que apenas se miraba nada, simplemente unha parede cunha foto dos xogadores, quizais necesitaramos máis perspectiva.  


Estabamos no bus de camiño ao CosmoCaixa, este museo atópase nunha zona bastante alta da cidade, na zona baixa tiña un espacio aberto cuns xardíns. Era un edificio normaliño, é dicir, dende fora non impactaba tanto como os grandes edificios do centro. Entramos e tivemos que baixar arredor dun tronco enorme. Ao chegar abaixo, tiñamos a vista dun péndulo que tiraba placas para demostrar que a Terra xira, este experimento chámase "O experimento de Foucault". Pasamos toda a mañá facendo e mirando cousas da exposición, foi unha mañá moi calmada. 


A mellor parte do CosmoCaixa foi sen dúbida a selva que tiñan montada, tamén cunha lagoa que se podía observar dende fóra. Se querías velo máis a fondo tiñas que entrar por unha porta e de seguido te atopabas metido nunha especie de cova con ventás para mirar como se relacionaban as especies. Cando Mar, Óscar e María entramos levamos unha gran sorpresa, había unha londra nadando, nós estabamos alucinando, non nos esperabamos un becho peludo na auga. Cando nos demos conta do que era xa nos tranquilizamos. Había tamén unha granxa de formigas, era moi divertido miralas. Despois saímos ao exterior, María estaba "cagada" porque lles ten algo de fobia non diagnosticada aos paxaros e non lle apetecía levar ningún susto nin facer un espectáculo de fuxida. Alí dentro sentíase a calor e a humidade esaxerada, ademáis os peixes eran do máis raro, non nos daría ningunha cobiza  darnos un baño con eles nin por un millón de euros. 

Pola tarde, despois de comer alí e descansar no bonito xardín traseiro, volvémonos atopar coa nosa guía de Barcelona. Tocaba visitar os edificios máis emblemáticos, principalmente pola súa arquitectura modernista. Gracias ó impeto de Gaudí por innovar puidemos admirar "La Pedrera", "La casa Batlló" e como non, a impresionante basílica de Barcelona "La Sagrada Familia". O perfeccionista que era este arquitecto axudou a que nós puidésemos gozar deses magníficos edificios. Encontramos moi decepcionante que "La Pedrera" estivese en obras e non puidésemos apreciar a súa beleza. 


Estes dous edificios estaban cerca un doutro, os dous nunha rúa moi longa, que se atopaba en obras. De feito, estas obras tamén tiñan que ver co arquitecto catalán, xa que estaban a poñer unhas lousas cun deseño made in Gaudí ao longo de todo ese paseíño. 

O deseño naturalista e totalmente perfeccionista de Gaudi era moi novidoso, nada do que miráramos anteriormente era nin sequera similar. 

A rúa pola que camiñamos para poder apreciar eses edificios confluía na Praza de Cataluña, un lugar moi transitado, sobre todo por turistas, tendo en conta que alí era onde paraban todos os autobuses dos excursionistas e, ademais, a poucos metros estaban situadas as Ramblas. Como todo turista que se prece collemos o bus nese alboroto de "guaguas" e puxémonos en camiño cara á Igrexa de Santa Mariña. 

Non hai nada que nos sorprendese demasiado dese santuario, era bonito, pero todo queda eclipsado despois de visitar a basílica máis famosa do mundo que aínda está en construción. Alí foi a nosa seguinte parada, a grandeza desa obra arquitectónica deixounos a moitos de nós pampos; tiña unha altura impresionante. Vela na súa totalidade requiría de lugares nos que poder apreciar as zonas máis altas con algo de perspectiva. Por este motivo, ao redor había dous parques. A un lado hai un colexio que vai ser demolido para poder crear un parque e poder ter tamén a perspectiva necesaria.


Ao entrar no recinto da Sagrada Familia entregáronnos unha especie de radio con auriculares para escoitar á guía sen que esta teña que elevar a voz (estando nunha basílica sería de mal gusto poñerse a berrar). Claro estaba que tendo eses auriculares, íamos comezar a facer o parvo: desde apagalo para que a irritante voz de Eva non nos tradease o tímpano, ata facer que estabamos escoitando un partido pola radio. Algúns eran máis orixinais e facían que estaban nunha mesa de mesturas por detrás da guía, foi o momento máis divertido da visita. Grazas queridísimo Héctor pola túa pequena "amenización" da visita á Sagrada Familia. (Comentario da profe: Tiña que ser Héctor, como non, e ti dálle as grazas...)

A altura da construción vista dende dentro tamén impresionaba, ademais de que estaba totalmente suxeita por columnas, é dicir, as paredes exteriores non supuñan ningún tipo de reforzo para o teito, mantíñase en pé grazas a esas inmensas estruturas que parecían patas de elefantes. 

Logo fomos cara o bus. Recordo as présas que levabamos e as ganas de mexar que algúns tiñamos, pero claro, ao parecer nunha basílica non se fan baños, un erro moi grave no deseño, e non íamos parar no medio da rúa a mexar. Lembro esa viaxe como a máis longa de toda a excursión, aínda máis que as de ida e volta dende Galicia-Cataluña. Estabamos todos un pouco sobados, centrándonos na paisaxe tan diferente á habitual en Galicia e tamén na música que resoaba nos nosos oídos. 

Fomos rapidamente cear, xa chegábamos algo tarde, e logo a prepararnos para saír por segundo día consecutivo. Tiñamos moitas ganas. 

Ese día non eramos os únicos que estabamos en Niki´s, estaba petadísimo, pero había poucos "chigrinskis" machos, sen embargo chigrinskis mozas había moitísimas. 

Os homes estaban na gloriaaa. O malo de estar nun sitio con tanta cantidade de xente é que ía moitísima calor e ao final resultaba algo agoniante estar alí. María marchou cedo para o hotel porque estaba cansa e ademais non tiña cartos para poder aproveitar ben a noite, polo tanto agora Marisé vaivos contar todas as súas anécdotas de troula. 

Comecemos dicindo que esa noite foi espectacular, coñecemos moita xente de diversos lugares de España, bailamos, cantamos, subímonos a tarimas e demais. Como non, tiñamos que deixar claro que Salceda alá onde fora chamaba a atención. Tamén direi, como afago ós mozos de aquí, que eran os máis guapos que alí había, medo me da dicirlles isto... 

Como de costume a primeira parada foi no On Sempre. Chegamos alí e recibimos unha moi boa acollida do camareiro (ata nos deixaron poñer unhas cantas cancións). Tras unhas cantas Coca-Colas e demais para matar a sede, fomos ao Niky´s. Alí tamén había unha cantidade impresionante de xente. Nós ocupabamos a zona máis alta, éramos os que máis bailabamos, cantabamos e os que máis sede tiñamos... Chegadas ás dúas e media da mañá, todos con cara de felicidade, comezamos o camiño cara ao hotel, mentres penaábamos como íamos saír dos nosos cuartos.

martes, 3 de xuño de 2014

O Delta do Ebro espéranos!!

3º Día da viaxe: Comezaba a ir todo demasiado rápido, as ganas de que o tempo se parara e non se móvese ían aumentando cada día.

Como de costume, actívanse todos os despertadores as 8:30 h para estar no almorzo a menos cuarto, menos o de Marisé, Nerea e Laura, que debía de soar a menos cuarto porque, como xa vos contamos, chegaban sempre coas sabas colgando. 

Tras as actividades de aseo e limpeza necesarias, baixamos tomar o primeiro aperitivo do día e deseguido marchamos cara o Parque Natural del Delta del'Ebre.

O mellor de ir en bus era que polo camiño podías recuperar as horiñas de sono que perderas durante a noite... porque alí facíase de todo menos durmir; uns xogaban as cartas, outros facían xogos, e outras simplemente quedaban pechadas na terraza porque a súa compañeira de habitación as botou fóra por falar demasiado e non deixala durmir. Digamos que aquilo era una excursión de tolos perdidos!

Xa chegaramos ao noso destino e corría unha brisiña matadora para o corpo. Abrochamos as nosas chaquetas casi ata aforcarnos e dispuxémonos a escoitar a explicación do noso guía sobre todos e cada un dos recunchos daquel fermoso lugar. A verdade é que non se pode dicir que fora divertido porque a maioría de nós estabamos xa baixando as pálpebras e collendo o quinto soño. Cando rematou de falar, fixemos dous grupos para ir ao miradoiro e, mentres uns subían, os outros facíamos o parvo nun tronco, donde hai que contalo, o noso querido Curi chegounos cunha boneca toda espeluxada, sen un ollo e medio mutilada, por detrás, dándonos un susto de morte.

No miradoiro explicáronnos máis que nada a orixe do río e algo sobre as incribles plantacións de arroz e despois diso, e unhas cantas fotos, leváronnos ao areal, unha especie de praia sen area e todo pedras, onde unha de nós case cae e deixa alí toda a cara.


Sobre a unha do día déronnos a nosa comida pícnic que mais que quitarche a fame dábache máis. Comemos alí, ao pé do río, vendo como pasaban todos os barcos; iso si, o noso non daba chegado por ningures. Tivemos que esperar un montón de tempo por el e por iso sobrounos tempo para explorar toda a zona e facer unha chea de cousas.

O noso círculo de amigos estivemos no embarcadoiro. Deitábaste alí e as poucas oliñas que había dábanche unha especie de masaxe. A parte diso, nun momento no que miramos a todos aburridiños perdidos, a Marisé ocorréuselle propoñerlle aos profes uns xogos. O xogo elixido foi "o pañuelito", mozos contra mozas.

A cousa estívovos ben disputada, pero temos que confesar que nos daban tanta peniña que os deixamos gañar, coitados! Non queriamos miralos chorar, que xa tiñan bastante.

Tamén xogamos cun canciño, que de canciño non tiña nada porque pouco máis e era da altura de Marisé (non é moi difícil). Despois de medio ano alí esperando, chega o noso barquiño, baixan os individuos que estaban nel e un deles mándalle unha namoradeira mirada a nosa encantadora Ainhoa. Ela case cae morta de amor, pero vaia, nós seguimos subindo e acomodándonos nos asentos...

Da ida non vos imos contar moito porque non é demasiado interesante pero é necesario que saibades a festa que montamos naquel barco na volta, parecia que íamos envorcalo con todo o movemento que lle demos.


  

Cando chegamos ao lugar de embarque estabamos todos entusiasmados por saír de festa esa noite. Estivemos un montón de tempo preparando os nosos modeliños. Ceamos e xa rapidamente, fomos buscar discotecas e pubs. O primeiro que coñecemos foi o ¨ON SEMPRE¨ cun camareiro moi amable chamado Toni, que quería que Marisé fora a súa camareira... Logo un mozo, dono da discoteca de Nicky`s, viu falar con nós para que fóramos ao seu local onde coñecemos moitísima xente de diversos lugares e o pasamos mellor que nunca. Fixemos tanta festa que ao día seguinte case nin nos levantamos das camas. Foi un gran día.



xoves, 29 de maio de 2014

Paseíño por Barcelona de Marisé e María


Hoxe ímosvos contar as anécdotas do segundo día da viaxe. Relataremos as nosas aventuras  e intentaremos que vexades Barcelona a través dos nosos ollos.

Chegou o segundo día da viaxe e polo tanto tocaba erguerse cedo, estabamos realmente cansos, xa que o día anterior tiveramos a xincana e déramos unha curta voltiña por Calafell despois de cear. Aínda así, estabamos moi ilusionados por coñecer, por fin, a cidade.

Subímonos ao bus e comezamos o camiño ata Barcelona. Os plans para ese día eran visitar as Ramblas, o Barrio Gótico e a Catedral, todo iso acompañados dunha guía catalá.

Demos o paseo polas Ramblas admirando as construcións máis destacables e gozando coas impresionantes estatuas viventes. Visitamos o Mercado de "La boquería", moi bonito, con froitas de todos os países, de todas as formas e cores, tamén tiñan expostas grandes figuras feitas con distintos tipos de chocolates. Aí enchemos todos o bandullo a máis non poder, eu creo que saímos de alí con 6 kilos de máis cada un. Os produtos tiñan tan boa pinta que desexabas telo todo nas mans. 

Estivemos tamén na fonte de Canaletas donde se atopa a escultura na honra aos castellers. Por certo, un neno que pasaba en bicicleta comeuse de cheo un dos barrotes da escultura; todos intentamos non rir pero non o conseguimos.

Tamén nas Ramblas, descubrimos o mosaico de Joan Miró que hai no chan e, por último, estivemos  na estatua de Colón, que se atopa ao final das Ramblas.

Baixamos ata chegarmos ao porto, cos seus xardíns, o seu mar, os seus mil barcos enormes e o Maremagnum. A paisaxe era fermosa, respirábase tranquilidade e se estaba de marabilla. Camiñamos polo porto, morrendo de envexa ao ver aqueles tremendos iates.

Nolas dúas íamos cos nosos amigos: Sebi, Héctor, Lois, Óscar, Mar e Isa, que cuadrilla! Poderíase dicir que eramos o mellor de cada casa ou de cada instituto neste caso, ou sexa, os trastes da excursión, pero sempre lle dábamos un pouquichiño de alegría a todo e sen facer nada malo (que se saiba). Percorremos cada un dos recunchos, tiramos fotos e fixemos o parviño durante toda a hora libre. 

Despois dun delicioso almorzo no Maremagnun, tirámonos a descansar nos xardíns para deixar facer a dixestión tranquilamente e relaxármonos antes de subir ao bus e facer unha visita panorámica á Vila Olímpica, que se atopa no distrito de Sant Martí e de subir ao precioso mirador do Montjuic.



Ao ser unha viaxe en bus, moitos quedábanse durmidos e non se decataban de nada. A coitada da guía de vez en cando falaba soa. Nós, que permanecíamos despertas, gozamos da zona, observamos as dúas caras da Vila Olímpica; a cara familiar, que recordaba o pasado da cidade e outra máis moderna. 

Tras este día tan produtivo toca chegar ao hotel, pórse moi guap@s todos para saír pola noite e baixar a cear. Despois de cear fomos a dar un paseo cada un cos seus amigos.Onde por certo atopamonos unha dispensadora con todo tipo de productos farmaceuticos, dende termometros, ata babeiros para os bebés.

xoves, 27 de marzo de 2014

Marabilloso percorrido por Alaska

Velaquí tedes, presentado nun "Issuu", o itinerario que percorremos na nosa gran e inesquecible viaxe imaxinaria. Quen sabe se algún día deixa de ser un soño para converterse nunha realidade. Aquí está:

A continuación, deixámosvos un vídeo onde nos ensinan unhas asombrosas auroras boreais. Sentimos profundamente que non sexan imaxes captadas en Alaska, senón en Noruega (non fomos quen de atopar un vídeo da mesma calidade gravado en Alaska). Definitivamente as luces do norte son impresionantes!


luns, 27 de xaneiro de 2014

Preparándonos para Alaska






Para ir a Alaska necesitamos ter unha mínima idea da situación do pais e a súa historia:
A bandeira de Alaska consta dunha estrela chamada estrela maior situada ao lado superior dereito da bandeira, e tamén a constelación da osa maior situada na esquina superior dereita. O idioma que teremos que practicar será o inglés aínda que podemos encontrarnos con algunhas persoas falando francés, castelán ou algún idioma indíxena. A capital de este estado de EE.UU e Juneau aínda que a cidade máis importante e Anchorage, un dos nosos rumbos seguro. 

Fotografia de Anchorage

Alaska non foi sempre un estado de EE.UU, converteuse no estado nº 49 o 3 de decembro de 1959 por necesidade de integralo a comezos da Guerra Fría. Alaska está rodeada por dous océanos, o Pacífico e o Ártico. O nome de Alaska ten o significado de Terra Grande
Unha parte moi importante da economía de Alaska está basada na industria petrolífera. O oleoducto petrolífero Trans-Alaska, construido en 1974, dunha lonxitude de 1.287 km atravesa o estado. Igual nos cadra velo na nosa viaxe. Esta instalación é moi cuestinada debido aos grandes desastres ecolóxicos que pode causar en caso de sabotaxe. Alasaka sufriu xa un desastre medioambiental debido a un verquido de petróleo. No ano 1984, o petroleiro Exxon Valdez volcou todo o seu contido ao chocar cun arrecife de coral.


Trans-Alaska Pipeline 


martes, 26 de novembro de 2013

Imos a Alaska!!


Imaxe sacada do libro: Espectacular Alaska  de Ch.Wohlforth de editorial Könemann
Ola, somos Marisé López e María Sánchez, e imos visitar un dos lugares con máis reservas naturais do mundo: Alaska.

Eliximos Alaska pola magnifica diversidade de fauna e flora, ademais de, como non, as auroras boreais que teñen lugar no norte e centro deste estado arredor dos meses de novembro e xaneiro, a época na que as temperaturas son máis extremas. Tamén nos decantamos por el, debido ao paisaxe branco e á neve que aquí tanto escasea.
Para esta viaxe, necesitaremos moita roupa de abrigo e unha gran cámara de fotos. Quereríamos viaxar en avioneta, en trineo tirado por huskis, e por suposto, ir en barco por certos ríos e mares observando os grandes icebergs, esperemos que non nos pase o mesmo que ao titanic.

maxe sacada do libro: Espectacular Alaska  de Ch.Wohlforth de editorial Könemann

Para aprender algo sobre a súa cultura estaría ben ver a obra de teatro Cry of the Wild Man ou asistir a algún baile de orixe ruso como o Sitka, pero en Salceda vai ser complicado. Ímonos ter que conformar con ver algún capítulo da serie "Doctor en Alaska".