Amosando publicacións coa etiqueta Deporte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Deporte. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de xuño de 2014

Marisé e María fan de deportistas

A festa do día anterior estaba empezando a pasarnos factura a todos, as nosas cariñas de sono eran terribles pero aínda así había ganas de explorar todo o que nos quedaba por ver.
Como durante toda a viaxe toca levantarse as 8:45, darse unha duchiña rápida para despexar mellor e chegar tarde ao almorzo no caso de que sexades Marisé, Nerea e Laura F.

Este día tivemos o mellor almorzo de todos, unhas napolitanas pequechiñas recheas de chocolate, cunha capa de mel moi fina por riba que te subían ao mesmo ceo cando entraban en contacto co teu padal. Tamén había zumes que... moi ricos non estaban, pero quitaban a sede.

Veña, en marcha! Subimos ao bus cara Vilanova i la Geltrú, porque íamos  facer unhas sesións de vela, kayak, fútbol e volley.  Chegamos alí, estábase de marabilla, así que, todos nos dispuxemos a mudarnos e pór os nosos bañadores, algúns tamén puxeron traxe de augas para non ter frío na vela e no kayak. 

Por sorte, a nos as dúas metéronnos no mesmo grupo e, dentro dese grupo, dividíronnos entre mozos e mozas para dar un relaxante paseo en vela polo mar. Tiñamos que estar un pouco atentos ao funcionamento da vela, pero nós estabamos feitas unhas expertas xa.  O noso monitor era moi amable e bastante divertido, informounos de que ao lado da praia estaban facendo unha discoteca moi grande, que promete moito. A todo o grupo nos gustaría volver para vela xa acabada e probar as súas bebidas e demais. 

Coa brisa mañaneira adentrámonos no mar con aquel "cachibache" que comezabamos a coñecer, o aire dando nos nosos cabelos sentaba tan ben que nos daban igual o resto das actividades, se por nós fose quedabamos coa vela todo o día. Entre conversa e conversa, pasóusenos o tempo voando e xa era hora de chegar á beira e facer o cambio de grupos. 


A segunda actividade do día consistía en facer unha pequena ruta en kayak por parellas. As nosas eran Isa e Mar, pero hai que dicir que Marisé e Isa eran as mellores. María e Mar só intentaban chegarnos aos talóns, a verdade é que aquilo tiraba dos brazos que daba gusto, se chegamos a practicalo unha semana máis acabamos fortísimas. 

Rematamos a xornada de actividades da mañá, collemos o noso pícnic e fomos comer a uns xardinciños que había alí e entre parvada e parvada, moitos quedamos durmidos. Esa sesta deunos a vida a todos.

Poñémonos en pé, volvemos formar os grupos e veña, a facer un pouco de volley para mover o corpo, hai que admitir que o noso grupo non era o mellor de todos pero aínda así logramos gañar varias veces e con moitísimo estilo. A todos nos encantaba aproveitar o brando chan para tirarnos e facer o parvo sen mancarnos. Despois, toca fútbol do cal non imos falar demasiado porque en vez de fútbol andabamos a troulear coma nenos pequenos todos. Por último, mergullo rápido, duchiña nos vestiarios e de volta para o hotel que tocaba ir de festa.

Como tiña que ser preparámonos todos; modeliño por aquí, modeliño por alá, todos guapísimos como non podía ser menos, ceamos e ala! Por fin chega o momento da festa, o máis esperado do día, o Nicky's e o On Sempre estábannos esperando e non lle podíamos fallar. Cada un collía aos seus amigos e ía dar unha volta antes de meterse nalgunha das discotecas sen esquecer que as 11:30 h tiñamos reunión cos profes.

Despois desa voltiña xa tocaba, primeira parada: On Sempre. Alí ti puñas a canción que desexaras e a verdade é que o maior éxito foi a do ''maridón". Parecíamos tolos pero non importaba, bailamos todo o que puidemos, algúns intentaban ligar cos mozos e mozas e outros simplemente se rían dos demais, foi divertidísimo. 

A noite era curta e o noso tempo no On Sempre estábase demorando demasiado, así que decidimos ir cara o Nicky's. Esperamos unha pequena cola na entrada e xa, con moitas ganas metémonos alí. Que grande era! Luces por todas partes, unha música que te movía ela soa as pernas para bailar e un dono que daba gusto falar con el. Chegan as 2 da noite e os nosos queridos profes, que non tiñan o noso aguante (coitados!) querían volver para o hotel, como podedes supoñer nós non nos queriamos ir pero non tiñamos outra opción así que marchamos. 

Xa no hotel cada un organizou a súa noite, todos planeabamos a nosa fuxida da habitación con gran esmero para que os profes non se deran conta, pero ao final eramos do máis escandaloso que había. Ímosvos contar unha boa anécdota: ese día, unhas compañeiras chegaron da festa e, para non facer ruído máis tarde ao abrir a porta, puxeron un zapato. Despois desvestíronse e ao momento notaron que se fora a luz, acercáronse á zona onde se pon a tarxeta para ter electricidade e non estaba, o Curi quitáralla! Foi unha boa maneira de pillalas.

xoves, 5 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 1 e 2

Ola!

Son Abraham, do grupo de Xapón, e nas próximas entradas relatareivos a miña viaxe real a Barcelona. Comecemos!

O sábado 5 de abril estabamos todos moi nerviosos, tanto profesores como alumnos, pola inminente viaxe. Eramos uns corenta adolescentes con ganas de pasalo ben e afastarnos un tempo das clases e, por fin, ás 22:00 da noite, saímos de Salceda de Caselas para chegar ás 12:00 do día seguinte a Calafell.

Todos moi cansos á chegada a Calafell
O autobús non era moi espazoso, de feito chegamos a pensar que os asentos da parte traseira estaban máis xuntos que os da parte dianteira. Aínda así, non houbo moitos problemas de espazo debido a que algunhas persoas, me inclúo, deitámonos no corredor do bus para durmir.

Como é de supoñer, pasamos a noite en ruta, aínda que a viaxe se fixo levadeira porque houbo bastantes paradas en áreas de servizo e, ademais, tiñamos DJ propio que "amenizaba" o ambiente: Sergio, do grupo de Mónaco.

O domingo 6 de abril, dende que chegamos a Calafell e durante toda a mañá, nos aloxamos no Hotel Ramblas Miramar, e puidemos comprobar que compartiriamos estanza con anciáns moi simpáticos de todas as nacionalidades. Eu, persoalmente, compartín cuarto con Christian, do grupo de Australia, e Brais, do grupo de Brasil.

Detalle en todas as habitacións do hotel
Despois de xantar, a miña prima Andrea, do grupo de EE.UU., e máis eu, fomos dar unha volta polo paseo marítimo que estaba a un minuto do hotel. Primeira liña de praia!

A espectacular praia que estaba ao lado do hotel onde nos aloxabamos
Detalle no paseo marítimo
Pola tarde, fixemos actividades deportivas en Vilanova i la Geltrú moi variadas. Tivemos a oportunidade de facer unha xincana na praia, a cal englobaba retos como carreiras en kaiak e de sacos.

Os monitores explicándonos as actividades organizadas para ese día
Ademais, fixemos un circuíto en segway, un, atención, vehículo de transporte lixeiro xiroscópico eléctrico de dúas rodas con auto balanceo controlado por ordenador, o cal nun principio nos asustou un pouco, pero máis tarde nos desenvolviamos nel con total seguridade.

Noel Lee en segway saludando a Lady Gaga © mt3forum.net
Por último, tivemos un taller mariñeiro no que nos explicaron como preparar un barco de vela para ser botado, o cal nos serviu como preparatorio para o xoves 10, día no que iriamos a navegar.

Todos posando na praia despois da fantástica, aínda que cansa, xornada
Ata a seguinte entrada!

xoves, 10 de abril de 2014

Arte xaponesa: Parte II

Boas! Esta entrada é a parte II sobre a cultura xaponesa, esperamos que vos guste!

Cine

O cine xaponés ten unha historia que abrangue máis de cen anos, e os xéneros máis comúns nas películas xaponesas son:

-Anime. Así se coñece á animación xaponesa. Un dos directores máis influentes deste xénero é Hayao Miyazaki, o cofundador de Studio Ghibli e gañador dun óscar á mellor fita animada por "A viaxe de Chihiro".

A viaxe de Chihiro © www.cinemelodic.blogspot.com
-Jidaigeki, definido como dramas de época ambientados no Período Edo (1603-1868). Dentro deste xénero, encóntrase o chambara (cine de acción con samuráis). O realizador Kanamori Bansho é o que revolucionaría este xénero, inspirado no cine americano e conferindo aos combates un enorme dinamismo usando maxistralmente o movemento de cámara e a montaxe. Un dos directores máis famosos deste xénero é Akira Kurosawa, coa súa película "Os sete samuráis".

Os sete samuráis © www.enocasionesveocine.blogspot.com
-J-Horror, no que predomina o terror psicolóxico e a tensión. Unha das sagas máis coñecidas foi a creada por Takashi Shimizu, "Ju-on".

-Cine de culto. Comprende aquelas películas que atraen un pequeno grupo de seguidores, como "Battle Royale" ou "Suicide Club".
 

-Kaiju: películas cuxo protagonista é un monstro, como o popular "Godzilla".
 

-Pink films. A diferenza do cine pornográfico occidental, o cine porno xaponés polo xeral inclúe temas sociais e é esteticamente máis coidado.
 

-Yakuza: películas que tratan sobre a mafia xaponesa.

Moda

Xa se sabe que Xapón é un país excéntrico e no que case todo vale. Os xaponeses son atrevidos e nada discretos, e respecto a modas son os primeiros en probar as cousas máis extravagantes, coma por exemplo:

-O Bagelhead, algo que está a facer estragos no país. Dende hai uns meses, miles de mozos reúnense en locais nocturnos para someterse ao poder da agulla. A técnica do Bagelhead, que toma o seu nome da rosquilla, consiste en inxectarse na fronte unha solución de auga salgada baixo a pel que logra deformar o rostro por unhas horas, de forma que se pode modelar ao gusto do consumidor. Malia que ás poucas horas de someterse a este tratamento o corpo absorbe a solución salina e a pel volve ao seu estado orixinal, os médicos alertaron dos riscos de infección que entraña.

Bagelhead © www.natgeotv.com
-Unha das últimas modas en Xapón é operarse as mans para cambiar o destino. Se non estás contento co teu futuro non hai problema, en Xapón xa hai especialistas que as operan para cambiar o destino dos seus pacientes. Así, segundo ás necesidades de cada paciente, estas liñas pódense alongar, unir, cortar, ou mesmo crear unha que non estaba antes.

O cirurxián que estendeu esta práctica, Takaaki Matsuoka declara que foi idea dun dos seus pacientes, que lle pediu que "quería cambiar a súa sorte". O médico buscou ata que encontrou este tipo de intervención en Corea. A operación realízase cun bisturí eléctrico, que deixa unha cicatriz visible. Nun mes sandan ás feridas e fórmanse as novas liñas.


Mans © www.abc.es
- Esta vez chega a nova tendencia en peiteados: o tomate maduro. Trátase de tinguirse o pelo de vermello, e no cocote, o pelo máis curto de verde, coma se fose o talo e as follas dun tomate. Esta idea tan orixinal e rechamante é obra de Hiro, que é a propietaria dunha perrucaría en Osaka. Agora esténdese entre os mozos, que xa adoitan ser bastante ousados e seguen o seu estilo  extravagante baseados en videoxogos ou mangas. Isto xa é algo habitual para a doa do local, que xa fixo outros peiteados diferentes, coma unha pelota de fútbol.

Peiteado do tomate maduro © www.lavanguardia.com
-Unha das modas que chega tamén dende o país do sol nacente é o hadouken. O nome desta moda é común ao nome da súa fonte de inspiración: o popular videoxogo de loita 'Street Fighter'. Basicamente, a nova tendencia consiste en sacarse unha foto simulando un ataque cunha bóla de enerxía invisible. Este movemento foi popularizado polo personaxe Ryu, aínda que a mesma técnica é usada por outras figuras do xogo.

Hadouken © www.noticias.lainformacion.com
Deporte

En Xapón practícase unha ampla variedade de deportes. As artes marciais tradicionais como o judo, o kendo, o karate e o aikido son tan populares coma os deportes importados do exterior, por exemplo o fútbol ou o béisbol, grazas á dedicación dos seus practicantes.

O judo, que literalmente significa "o camiño apracible", na actualidade goza de gran popularidade en todo o mundo e afianzouse firmemente como deporte oficial olímpico dende a súa primeira inclusión nos Xogos Olímpicos de 1964.

Judo © www.culturajaponesa.blogspot.com
Seguindo os pasos do judo, o kendo (esgrima xaponesa) tamén conseguiu atraer moitos afeccionados no estranxeiro nos últimos anos. Os contrincantes do kendo levan traxes protectores a xeito de armadura e utilizan espadas de bambú para atacar e defenderse.

Kendo © kendocharleroi.be
O karate introduciuse en Xapón dende China a través do Reino das Ryukyu (a actual Okinawa). Os contrincantes do karate non levan ningún tipo de protección e loitan utilizando tan só as mans e os pés.

Karate © www.taringa.net
O sumo, deporte nacional de Xapón, ten unha historia que abrangue máis de 1000 anos. Os rikishi (loitadores de sumo), que levan o pelo ao estilo dos antigos guerreiros, unicamente levan un cinto especial de seda, loitan tan só coas mans núas e case todos pesan entre 100 e 200 quilos. Loitan nun dohyo (ring) de 4,5 metros de diámetro ata que un dos dous sae do ring ou toca o chan con calquera parte do seu corpo que non sexa as plantas dos pés.

Sumo © es.wikipedia.org
Espero que vos gustara ler esta segunda parte de arte xaponesa tanto como a nós nos gustou escribila.

A seguinte entrada será por fin o itinerario, ata logo!