venres, 20 de xuño de 2014

As dobre M van a PortAventura


Que desgusto tan grande! O último día da viaxe xa chegara e todos tristes comezamos a recoller as nosas cousas (teriamos que telas recollido a noite anterior pero... a cabeza non daba para máis). A verdade é que a viaxe fora estupenda, que formaramos unha pequena familia onde todos falaban con todos e non había unha palabra mala para ninguén. 
Pomos as nosas maletas cheíñas de agasallos e de bos recordos ás costas e despedímonos do hotel Miramar, 

Organizamos a nosa equipaxe no bus, e veña, poñémonos de camiño a PortAventura, o gran parque de atraccións de Tarragona. Era o primeiro día que abría esta tempada e por iso estaba repleto de xente. 

Unha vez alí, tirámonos na entrada e quedamos a durmir, uns por riba doutros, xa que estabamos cansos da festa da noite anterior. Tardaron case dúas horas en darnos as entradas polo barullo de xente que había, e cando por fin as tiñamos nas nosas mans fomos para dentro con toda a ilusión. Pero esa ilusión rematou cando vimos as tremendas colas das atraccións; tiñas que esperar como mínimo dúas horas para gozar de 30 segundos de atracción! 

Neste día, nolas dúas non estivemos xuntas practicamente, pero si subimos xuntas á primeira máquina do día, o Furious Baco. Estivemos un montón de tempo na cola e, de repente, din que houbo un problema técnico e que paraban a atracción. Gracias a iso marchou un montón de xente e nós quedamos moito máis cerquiña do principio da cola, a verdade é que toda espera pagou a pena. Que incrible foi! Descargamos toda a adrenalina que levabamos dentro.

Logo fomos comer á Cantina mexicana, onde hai que dicir que a comida era noxenta: uns macarróns que ata un neno pequeno fai mellor, e unha carne que non quedou claro se era comestible ou estaba para adornar o prato. 

Despois da comida, cada unha de nós foise por un lado, Marisé montou no Dragon Khan, na caída libre e outra da cal non lembramos o nome; María probou o Shambala e unhas máis pequeniñas. 

Marisé, Sebi, Andrea, Jose, Gwen, Cecilia, Lois, Nerea e Tamara, na cola do Dragon Khan, tiveron unha certa discusión cunha moza que ía por aí colándose e molestando á xente. Levaba un micrófono de xoguete e facíanos preguntas bobas, non nos deixaba tranquilos e molestábanos, así que eu, Marisé, farteime un pouco e díxenlle que nos deixara en paz, que se quería falar falase pero con outra xente. Púxose un pouco farruca e nos deixou en paz pero logo tentou colarse por debaixo das barras, así que a collín pola chaqueta e díxenlle que non fora tan lista, que todos queríamos apurar pero estabamos esperando, así que ela tamén. Tras un cruce de miradas asasinas, colleu e volveu para o seu sitio. Pagou a pena ter que aguantala porque a experiencia do Dragon Khan foi incrible. Nerea non deixaba de dicir que quería baixar, que non sabía para que subira, que non quería estar alí, pero logo estaba toda contenta  e non paraba de rir, iso si, un dos da organización levou todo un piropo dela cando parou a atracción.

Non podemos contar moito máis de este día porque todo se resume en esperar colas, tirar fotos e facer o parvo coma sempre. 

Ás sete da tarde, todos reunidos na fonte, preparabámosnos para marchar. Oficialmente a viaxe tocaba o seu fin, Galicia estábanos esperando cos brazos abertos e os oídos tamén, para escoitar todas as nosas aventuras. 

Adeus, adeus Barcelona, cada un no seu sitio sentado co seu acompañante falaba e contábanse todo tipo de cousas, a maioría estaban espertos porque era cedo e aínda había que facer a parada para cea, iso si, foi parar a cear e todo o mundo comezou a durmir naquel bus, que máis que un bus era unha sauna, non vos podedes nin imaxinar o calor que alí ía, parecía que te abafabas ata.

Os de atrás estabamos mortos de calor e os de diante pedindo que puxeran a calefacción, pero aquilo era realmente agoniante, so respirabas cando facían as paradas de descanso. 

No bus, como non, os únicos que falaban algo eran Sergio, Héctor, Lois e Marisé aínda que Héctor estaba maliño. 

Para rematar, chegamos a Salceda, todos os nosos familiares estábannos esperando, algúns desexando que volvéramos e outros que marcharamos de novo. Despedímonos dos nosos compañeiros sabendo que os íamos botar de menos e ala, a gozar da Semana Santa. E aquí está a nosa última entrada. Xa sabedes case tanto da nosa viaxe coma nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario