venres, 20 de xuño de 2014

De Uruguai a Galicia. A miña viaxe

Ola de novo!

Hoxe vouvos relatar a viaxe que tiven que facer cando eu e a miña familia deixamos Uruguai para vir vivir aquí. Unha viaxe moi longa que durou en total dous días. Dous días vivindo de avión en avión con toda a miña familia.


O primeiro aeroporto que pisei foi o Aeroporto Internacional de Carrasco, en Uruguai,  para viaxar a Arxentina e coller outro avión no Aeroporto Internacional de Ezeiza "Ministro Pistarini" en Bos Aires, onde nos levaron en buses ata o recinto porque o avión aterrou nun lugar onde non debía. Entón decatámonos de que nos faltaba unha maleta de man e a miña nai correu a collela, tanto foi o susto que esperamos unha hora dentro do aeroporto para esperar á miña nai que ao final tiña o meu pai.

Aeroporto Internacional de Uruguay © aeropuertodecarrasco.com.uy
Interior do Aeroporto de Carrasco
Aeroporto de Ezeiza © vuelos-buenosaires.com
 
Os buses do aeroporto de Ezeiza
De aí fomos a terra Brasilera, ao Aeroporto Internacional de Brasilia onde collemos o avión que nos traería a España. O voo durou catorce horas! 
Tocoume sentar diante dun neno que non paraba de mover o respaldo do meu asento, á dereita tiña ó meu pai e á esquerda á miña nai. Como vedes ía ben rodeada para que non me escapase, cousa que sería imposible porque tiña que pedirlle ao meu pai que se movese cada vez que quería ir ao baño.
Aeroporto de Brasília
Despois desas catorce horas sen durmir porque a azafata me dera café e o neno non paraba de moverse, e iso que a nai xa lle dixera de todo, o caso foi que por fin chegaramos a España, en concreto ao aeroporto de Barajas de Madrid, onde outra vez tivemos problemas coas maletas.
Aeroporto de Barajas en Madrid © fsim.latinforo.com
Solucionamos o problema das maletas e collemos o último avión. Eu xa me estaba a desesperar porque quería unha cama e durmir como unha marmota polo cansazo que tiña. 

O último avión tróuxonos ao aeroporto de Peinador en Vigo. Sen dúbida o peor dos catro voos que tiven que facer, o avión movíase moito e oíase o ruído da á dereita onde, casualmente me tocou sentar. Afortunadamente ó lado dunha ventá pola que puiden gozar da paisaxe montañosa de Galicia e esquecerme de que a miña irmá berraba, que o avión se ía partir en dous e a miña outra irmá rindo aos berros.

Imaxinádevos: os meus pais intentado que calase e mesmo veu a azafata para darnos de comer e dicirnos que non se ía partir en dous.
Aeroporto de Vigo-Peinador © aeropuertodevigo.wordpress.com
Ponte de Rande, chegando ao aeroporto de vigo
Ao pisar terra, á miña irmá sangroulle o nariz, creo que foi por dicir que o avión ía partir en dous. 

Entón foi cando nos recolleu un coñecido da familia para levarnos á nosa nova casa, e por fin, ao chegar a ela atopei catro camas, cousa que non tiña moito sentido porque eramos cinco. Tombeime na cama matrimonial e decidín durmir, pero ao pouco tempo espertei porque tiven un pesadelo, unha boa benvida para este novo país.

Despois deses dous días de turbulencias, empezou unha semana máxica de pesadelos e paseos por Galicia onde a chuvia nos daba a súa benvida a este mundo de fauna e flora tan especial en contraste do caloroso e sufocante que é Montevideo, e o mellor de tanta chuvia e tanto diluvio é que por fin deixei de ser asmática.
Arantei_Concello de Salvaterra
 
Arantei

O bo de viaxar dun país a outro é que coñecín moita xente nova, como os membros do grupo de Xapón, e moitos profesores e persoas diferentes; o malo é que os nenos cando son pequenos son moi crueis e se metían moito coa miña forma de falar e a miña dislexia. E ata aquí a miña viaxe. Déixovos outra foto magnífica que saíu moi ben grazas á miña man!


Ningún comentario:

Publicar un comentario