luns, 16 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 6 e 7

O xoves 10 de abril volvemos a Vilanova i la Geltrú para continuar co que deixamos pendente o domingo 6.

Pola mañá, fixemos kaiak, en parellas, e vela, en grupo.


Sendo ensinados polos monitores a como remar
A miña parella no primeiro deporte foi Christian, co que tamén compartín habitación, como dixen entradas atrás, e o cal tamén estaba no meu grupo de vela.


Christian e eu na ribeira do mar aprendendo a navegar
En kaiak fomos remando dende unha praia de Vilanova i la Geltrú ata outra atravesando o mar. Para facervos unha idea, fixemos o equivalente dende unha punta da praia de Samil de Vigo ata a outra, aproximadamente.

Remando sen pausa pero sen présa
Ademais, rematamos bastante cansos, sobre todo na parte dos brazos, pero recuperamos forzas comendo de pícnic nun espazo verde próximo, sentados en toallas.

Almorzando relaxadiños e tomando o sol
Pola tarde practicamos fútbol e volei praia en grupos. Dende o meu punto de vista, esta actividade podería terse suprimido. Poderiamos ter ido a Sitges no seu lugar!

O venres 11 de abril era o noso último día. Había que aproveitalo ao máximo! E que mellor despedida que ir ao Parque de Atraccións PortAventura durante todo o día.


Cartel de benvida de PortAventura

Ás 10:00 xa estabamos alí, pero non puidemos entrar ata as 12:00. A razón de tan longa cola foi que a todos os institutos que estaban de viaxe, como o noso, se lles ocorreu a brillante idea de ir a PortAventura ese día, que por certo era o inaugural do 2014.

Todas as persoas que esperaban para entrar no recinto

Alí, obviamente, montamos en atraccións (eu subín a un par de montañas rusas, a un simulador acuático, aos rápidos, ás cuncas tolas, etc.), vimos espectáculos (eu puiden ver un sobre paxaros e un musical) e compramos recordos.

Unha montaña rusa de PortAventura na que NON montei
Como anécdota, direi que á hora de comer fomos a un buffette dentro do recinto onde me caeron todos os macarróns do prato. Isto de ser torpe vén de familia.

E ás 19:00 arrancamos cara Salceda tras unha semana chea de novidades e emocións, que non me importaría volver realizar.

Ata sempre, Barcelona!

Ningún comentario:

Publicar un comentario