domingo, 15 de xuño de 2014

Chicas USA, día 2 en Barcelona ♥


Molt bones de nou!
Xa estamos de volta para seguir contándovos a nosa experiencia en Barcelona. Nesta entrada imos contarvos o noso segundo día alí. Imos alá! 

Día 2 en Barcelona, luns 7 de abril.
Ese día tiñamos que estar sobre as nove menos cuarto no comedor para almorzar.
Andrea levantouse antes que Iria, sobre as 8:15, xa que estaba demasiado cansa para ter que prepararse a esas horas da mañá. Laura segundo nos informou, ergueuse á mesma hora que Andrea aínda que nos as dúas temos as nosas dúbidas porque ela é moi vaga igual ca nós.

Cando chegamos abaixo aínda faltaba a gran maioría da xente polo que tivemos que esperar polos demais un bo rato. A verdade é que tiñamos moita fame e estabamos ansiosas polo almorzo. Ó chegar case todos os que faltaban, os profesores déronos permiso para entrar. A comida que nos ofrecían era do máis variada, dende uns bos ovos fritos ata unha peza de froita fresca. Nós optamos por coller algo lixeiro; unha cunca de café acompañada cun vaso de zume e uns croisans ou napolitanas minis. De todo o que probamos, o único que nos gustou foron os bolos xa que os zumes e os cafés/chocolates eran máis auga que outra cousa.

O plan previsto era pasar o día de visita no centro de Barcelona, polo barrio Gótico pola mañá, comer nun centro comercial na zona das Ramblas del Mar e xa pola tarde unha visita panorámica á Vila Olímpica.

Cando rematamos o almorzo, os profesores deixáronnos un rato para que fósemos a terminar de prepararnos. Nós baixamos un pouco máis tarde da hora acordada, aínda que de todas formas tivemos que esperar por algúns dos nosos compañeiros. Unha vez que xa estabamos todos, dirixímosnos ao bus no cal tivemos que estar cincuenta minutos para chegar a Barcelona e, como non, tivemos a Sergio e a Lois cantándonos os seus temazos todo o traxecto. 
Catedral de Barcelona.
Ao chegar, todo o mundo quedou atónito xa que a máis mínima cousa chamábanos a atención. O autobús deixounos nunha rúa que estaba situada ao lado das Ramblas. Tivemos que andar un chisco para atoparnos con Eva, a nosa guía turística. Foi a que  nos ensinou toda Barcelona ese día máis o mércores.

Comezamos a nosa visita polas rúas do barrio Gótico, no que vimos moitas cousas chulísimas. O primeiro que fomos ver foi a Catedral de Barcelona (que está adicada a Santa Eulalia) na Plaça Nova e unha vez alí, Eva explicounos a súa historia. A parte de vela por fóra, tamén tivemos o pracer de entrar. 
No interior puidemos gozar da súa arquitectura, a cripta onde se encontraba a patroa e o marabilloso claustro cun xardín cunhas cantas ocas e unhas palmeiras. 

Ao rematar a nosa visita a Catedral, seguimos vendo o barrio Gótico.  Pasamos pola Plaça de San Jaume, onde actualmente se encontra o Pazo da Generalitat Catalana e a sede do Concello de Barcelona; pola Plaça Real que era moi fermosa; vimos tamén a igrexa de San Felipe Neri que foi un dos escenarios da Guerra Civil, por último estivemos na Plaça do Rei e na capela de Santa Ágata (por fóra). Ao terminar a visita polo barrio Gótico, tomamos rumbo ás Ramblas. 
Final das Ramblas e
monumento a Colón
Naquela rúa tan longa, había tanta xente que era agoniante. Encontrámonos con moitos postos pequenos que vendían recordos, doces ou flores. Na parte que se une ó final das Ramblas coa Plaça de Colón, vimos que había dous mimos e, a verdade, e que foron os únicos que vimos porque, segundo nos explicou Eva, debíase a que o concello puxera unha estrita norma contra eles.

Xa na Plaça de Colón, atopamos o monumento a Colón que estaba no centro dunha rotonda. Naquela praza había moitos edificios importantes pero non houbo tempo de velos en profundidade xa que era hora de xantar.

Tivemos que cruzar as Ramblas del Mar para chegar ao noso restaurante que estaba no centro comercial Maremagnum. Puidemos gozar dun bufet libre no Restaurante Fresco, aínda que a maioría comemos pizza ou pasta porque estaba moi boa.

Ó rematar déronos un rato libre para descansar e fisgar polo centro comercial e os arredores. Dende aí tiñamos unhas vistas preciosas do mar e estábase de marabilla. Sobre as catro, dirixímosnos cara ao autobús para ir ao castelo de Montjuic. Para subir o cume do Montjuic onde se atopa o castelo, tivemos que andar unha terrible costa que nos deixou baldados. Dende arriba puidemos gozar dunhas marabillosas vistas panorámicas de todo Barcelona.
Ao baixar e subir ó autobús de volta o hotel, pasamos pola Vila Olímpica, polo Poble Espanyol e polo Estadio Olímpico Lluís Companys, entre outros. 

Cando chegamos déronnos un tempo para que puidésemos bañarnos e asearnos e máis tarde, baixamos cear. Ese día tampouco puidemos saír de troula pero deixáronnos algo de tempo libre así que fomos dar un paseo nocturno pola praia. Finalmente tivemos que ir cada un ós nosos cuartos xa que o día seguinte ía a ser moi movidiño e tiñamos que descansar.

Como Andrea emocionouse tirando fotos, decidimos colgalas nun vídeo de Youtube.



Ata aquí o noso segundo día por Barcelona, espero que vos gustase, estade atentos que pronto volveremos con máis entradas, adeu :)
  

Ningún comentario:

Publicar un comentario