Amosando publicacións coa etiqueta Viaxe real. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viaxe real. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 6 e 7

O xoves 10 de abril volvemos a Vilanova i la Geltrú para continuar co que deixamos pendente o domingo 6.

Pola mañá, fixemos kaiak, en parellas, e vela, en grupo.


Sendo ensinados polos monitores a como remar
A miña parella no primeiro deporte foi Christian, co que tamén compartín habitación, como dixen entradas atrás, e o cal tamén estaba no meu grupo de vela.


Christian e eu na ribeira do mar aprendendo a navegar
En kaiak fomos remando dende unha praia de Vilanova i la Geltrú ata outra atravesando o mar. Para facervos unha idea, fixemos o equivalente dende unha punta da praia de Samil de Vigo ata a outra, aproximadamente.

Remando sen pausa pero sen présa
Ademais, rematamos bastante cansos, sobre todo na parte dos brazos, pero recuperamos forzas comendo de pícnic nun espazo verde próximo, sentados en toallas.

Almorzando relaxadiños e tomando o sol
Pola tarde practicamos fútbol e volei praia en grupos. Dende o meu punto de vista, esta actividade podería terse suprimido. Poderiamos ter ido a Sitges no seu lugar!

O venres 11 de abril era o noso último día. Había que aproveitalo ao máximo! E que mellor despedida que ir ao Parque de Atraccións PortAventura durante todo o día.


Cartel de benvida de PortAventura

Ás 10:00 xa estabamos alí, pero non puidemos entrar ata as 12:00. A razón de tan longa cola foi que a todos os institutos que estaban de viaxe, como o noso, se lles ocorreu a brillante idea de ir a PortAventura ese día, que por certo era o inaugural do 2014.

Todas as persoas que esperaban para entrar no recinto

Alí, obviamente, montamos en atraccións (eu subín a un par de montañas rusas, a un simulador acuático, aos rápidos, ás cuncas tolas, etc.), vimos espectáculos (eu puiden ver un sobre paxaros e un musical) e compramos recordos.

Unha montaña rusa de PortAventura na que NON montei
Como anécdota, direi que á hora de comer fomos a un buffette dentro do recinto onde me caeron todos os macarróns do prato. Isto de ser torpe vén de familia.

E ás 19:00 arrancamos cara Salceda tras unha semana chea de novidades e emocións, que non me importaría volver realizar.

Ata sempre, Barcelona!

mércores, 11 de xuño de 2014

Domingo 6, Tamara e Ceci chegan a Calafell

Foto sacada dende Montjuic
Saímos de Salceda sobre as nove, e despois de pasar 14 horas metidos no autobús, sen durmir, e cun cheiro a morto que botaba para atrás, chegamos a Calafell que case non nos tíñamos en pé. 

Fomos para o hotel e estivemos esperando na recepción a que nos desen as chaves das habitacións. Logo de agardar un anaco, subimos deixar as maletas e descansar un pouco, e as dúas baixamos a comer.

Calafell
Despois de matar a fame, volvéronos meter no bus outros 40 minutos (a maioría de nos aproveitounos para durmir) para ir a Vilanova i la Geltrú, onde, case mortos e con moi poucas ganas, participamos nunha "gymkhana" (carreiras de sacos, obstáculos, un pouco de kaiak...), fixemos unha especie de carreira en segway e aprendemos a pórlle a vela a un veleiro. Despois de todo isto, volvemos ó hotel, moi cansos, onde ceamos, e cando nos decidíamos a ir para a cama os profesores sacáronnos fóra do hotel, e fomos dar un paseo á beira da praia. Cando chegamos de volta subimos ás nosas habitacións a "durmir" xa que o aire acondicionado facía sons moi raros.

martes, 10 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 4 e 5

Boas a todos!

O martes 8 de abril foi a nosa única visita da excursión a un espazo no medio da natureza: o Parque Natural do Delta do Ebro.


Parte do Delta do Ebro
Pola mañá, coñecemos a Carlos, o noso guía por un día, aínda que primeiro fixemos unha primeira parada nunha viliña próxima ao Delta. Como curiosidade, nunha tenda de lambetadas coñecemos á súa dependenta, provinte de Romanía, a cal nos explicou o turismo do lugar en verán e deixounos mexar na súa tenda. Que boa persoa!

Logo, chegamos ao Parque Natural do Delta do Ebro. Carlos mostrounos a súa localización e historia axudándose dun mapa nun cartel e, máis tarde, nun miradoiro, guiounos pola fauna e flora do parque.

Despois dunhas fotiños, arrancamos cara ao peirao para xantar de pícnic. Tras unhas horas, embarcamos no cruceiro fluvial.


Todos posando nunha parte do Delta do Ebro
Na ida explicáronnos todo o que se vía dende a cuberta: monumentos, praias, fauna, flora, clima, etc.


As vistas dende o cruceiro fluvial
E na volta, o mellor no que levabamos de día: sesión de música a todo volume na cuberta mentres bailabamos e cantabamos. Parecía unha escena dunha verdadeira película famosa!


Todos posando no cruceiro fluvial. Unha paradiña na festa!
Ademais, para rematar, este día foi o primeiro no que saímos pola noite. Quedaranos sempre no recordo o pub On! Sempre e a discoteca Nicky's!

O mércores 9 de abril foi a nosa segunda visita a Barcelona capital.

Empregamos toda a mañá no Museo da Ciencia CosmoCaixa. Eu, persoalmente, só ía ás exposicións coas que se podía interactuar, aínda que en xeral era todo moi entretido. Mesmo había un pequeno zoo! Ademais, comemos no buffete do museo.

Todos alucinando cun experimento do CosmoCaixa
Un dos profesores que nos acompañou na excursión
Pola tarde, fomos visitar o Camp Nou. Ao rematar de sacar unhas fotiños e comprar algúns recordos (para a familia, eu polo menos), tiramos cara a parte das Ramblas que non viramos o luns 7. Empregamos todo o tempo que nos deixaron para comprar máis recordos aínda e descansar un pouco.

Parte do Camp Nou

Para finalizar este día, visitamos a Sagrada Familia. O monumento máis bonito de Barcelona, xúrovos!


Exterior da Sagrada Familia
Interior da Sagrada Familia
Maqueta da Sagrada Familia finalizada

Tamén saímos de novo ao On! Sempre e ao Nicky's pola noite, esta vez con moitísima xente doutras provincias.


Ciao!

sábado, 7 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 3

Ola de novo! Seguimos coa miña viaxe?

O luns 7 de abril foi a nosa primeira visita a Barcelona capital, e para aproveitar ben o día tivemos que madrugar. Moitos queixáronse, pero eu estaba contento: normalmente esperto ás 07:00h, espertarse ás 09:00h é un regalo! 

Ao chegar a Barcelona e apearnos na Praza de Cataluña, dirixímonos ao Barrio Gótico. Foi nese momento cando nos empezamos a estrañar de que houbese arte en todas partes. Segundo palabras da nosa guía, chamada Eva, os cataláns quixemos que foses pola rúa e te encontrases unha escultura, que tomases un xeado sentado en arte, que fose parte do teu día a día, algo común.

Unha escultura en medio dunha praza, mostra das palabras da guía

Xa alí, a nosa primeira parada foi a Catedral de Barcelona.


O campanario da Catedral de Barcelona
Detalle en frente da catedral por Picasso

Sorprendémonos de que dentro desta se criasen trece gansas por unha lenda catalá, pero oe, cousas máis raras fixeron os cristiáns.


As ocas da catedral
Eu posando dentro da catedral
Aquí acontecéronnos varias anécdotas. Primeiramente, a nosa guía non nos acompañou dentro, senón que explicounos todo o explicable sobre a Catedral fóra e logo quedouse esperando porque, pícara ela, así non nos facía falta pagar o ticket por grupo guiado. Ademais, se non fose porque unhas amigas se puxeron fulares e chaquetas nas pernas, non as deixarían entrar "por levar pantalóns demasiado curtos". Como dicía, as cousas raras dos cristiáns... Por último, hei de dicir que unha amiga miña chamada Ángela e eu nos perdemos e saímos pola porta equivocada, pero sorprendentemente, chegamos os primeiros xunto á guía. 

Despois da catedral, percorremos distintas rúas e prazas, entre elas unha onde explotara unha bomba na Guerra Civil.


Unha das prazas que visitamos
Outra das prazas que visitamos

Así, chegamos á Igrexa de Santa María del Mar. Persoalmente, gustoume máis que o primeiro monumento relixioso que visitamos porque esta igrexa tiña unha gárgola con forma de unicornio. Si, un unicornio. Máis tarde fixemos unha parada nunha rúa paralela á igrexa e sorpresa! Tomei un xeado de marihuana. Ademais comprei uns lentes de sol azuis, a xogo coas miñas mechas. 

A seguinte parada foi o último traxecto das Ramblas, onde compramos algúns recordos e contemplamos diversos mimos. Tamén bebemos da Fonte das Canaletas. Din que se bebes dela te namoras da cidade e acabas volvendo, a ver se é verdade!

Paseando polas Ramblas!
Algúns entraron no Mercado da Boquería, pero eu preferín seguir polas Ramblas e só vin a entrada deste.

Entrada ó Mercado da Boquería
Como última parada durante a mañá, admiramos o monumento de Colón e dirixímonos ao Maremagnum, un centro comercial no porto deportivo. Alí, comemos no buffete Fresco e aproveitamos para comprarnos algo nas tendas que había.


Detalle ó lado do Maremagnum
Posando no Maremagnum

Despois de comer e como última visita do día, fixemos unha visita panorámica pola Vila Olímpica e Montjuic, onde tiramos unhas fotografías impresionantes dende o seu castelo.


Detalle en Montjuic
Posando con Barcelona de fondo!
As espectaculares vistas dende o Montjuic

Ao chegar ao hotel estabamos cansos e queriamos durmir, pero os profesores fixéronnos dar un paseo xunto á praia con eles. Así, en canto entramos nos nosos cuartos fomos a cama e durmímonos axiña.

Ata a próxima!

xoves, 5 de xuño de 2014

BCN! Abraham - Día 1 e 2

Ola!

Son Abraham, do grupo de Xapón, e nas próximas entradas relatareivos a miña viaxe real a Barcelona. Comecemos!

O sábado 5 de abril estabamos todos moi nerviosos, tanto profesores como alumnos, pola inminente viaxe. Eramos uns corenta adolescentes con ganas de pasalo ben e afastarnos un tempo das clases e, por fin, ás 22:00 da noite, saímos de Salceda de Caselas para chegar ás 12:00 do día seguinte a Calafell.

Todos moi cansos á chegada a Calafell
O autobús non era moi espazoso, de feito chegamos a pensar que os asentos da parte traseira estaban máis xuntos que os da parte dianteira. Aínda así, non houbo moitos problemas de espazo debido a que algunhas persoas, me inclúo, deitámonos no corredor do bus para durmir.

Como é de supoñer, pasamos a noite en ruta, aínda que a viaxe se fixo levadeira porque houbo bastantes paradas en áreas de servizo e, ademais, tiñamos DJ propio que "amenizaba" o ambiente: Sergio, do grupo de Mónaco.

O domingo 6 de abril, dende que chegamos a Calafell e durante toda a mañá, nos aloxamos no Hotel Ramblas Miramar, e puidemos comprobar que compartiriamos estanza con anciáns moi simpáticos de todas as nacionalidades. Eu, persoalmente, compartín cuarto con Christian, do grupo de Australia, e Brais, do grupo de Brasil.

Detalle en todas as habitacións do hotel
Despois de xantar, a miña prima Andrea, do grupo de EE.UU., e máis eu, fomos dar unha volta polo paseo marítimo que estaba a un minuto do hotel. Primeira liña de praia!

A espectacular praia que estaba ao lado do hotel onde nos aloxabamos
Detalle no paseo marítimo
Pola tarde, fixemos actividades deportivas en Vilanova i la Geltrú moi variadas. Tivemos a oportunidade de facer unha xincana na praia, a cal englobaba retos como carreiras en kaiak e de sacos.

Os monitores explicándonos as actividades organizadas para ese día
Ademais, fixemos un circuíto en segway, un, atención, vehículo de transporte lixeiro xiroscópico eléctrico de dúas rodas con auto balanceo controlado por ordenador, o cal nun principio nos asustou un pouco, pero máis tarde nos desenvolviamos nel con total seguridade.

Noel Lee en segway saludando a Lady Gaga © mt3forum.net
Por último, tivemos un taller mariñeiro no que nos explicaron como preparar un barco de vela para ser botado, o cal nos serviu como preparatorio para o xoves 10, día no que iriamos a navegar.

Todos posando na praia despois da fantástica, aínda que cansa, xornada
Ata a seguinte entrada!