xoves, 10 de abril de 2014

Arte xaponesa: Parte II

Boas! Esta entrada é a parte II sobre a cultura xaponesa, esperamos que vos guste!

Cine

O cine xaponés ten unha historia que abrangue máis de cen anos, e os xéneros máis comúns nas películas xaponesas son:

-Anime. Así se coñece á animación xaponesa. Un dos directores máis influentes deste xénero é Hayao Miyazaki, o cofundador de Studio Ghibli e gañador dun óscar á mellor fita animada por "A viaxe de Chihiro".

A viaxe de Chihiro © www.cinemelodic.blogspot.com
-Jidaigeki, definido como dramas de época ambientados no Período Edo (1603-1868). Dentro deste xénero, encóntrase o chambara (cine de acción con samuráis). O realizador Kanamori Bansho é o que revolucionaría este xénero, inspirado no cine americano e conferindo aos combates un enorme dinamismo usando maxistralmente o movemento de cámara e a montaxe. Un dos directores máis famosos deste xénero é Akira Kurosawa, coa súa película "Os sete samuráis".

Os sete samuráis © www.enocasionesveocine.blogspot.com
-J-Horror, no que predomina o terror psicolóxico e a tensión. Unha das sagas máis coñecidas foi a creada por Takashi Shimizu, "Ju-on".

-Cine de culto. Comprende aquelas películas que atraen un pequeno grupo de seguidores, como "Battle Royale" ou "Suicide Club".
 

-Kaiju: películas cuxo protagonista é un monstro, como o popular "Godzilla".
 

-Pink films. A diferenza do cine pornográfico occidental, o cine porno xaponés polo xeral inclúe temas sociais e é esteticamente máis coidado.
 

-Yakuza: películas que tratan sobre a mafia xaponesa.

Moda

Xa se sabe que Xapón é un país excéntrico e no que case todo vale. Os xaponeses son atrevidos e nada discretos, e respecto a modas son os primeiros en probar as cousas máis extravagantes, coma por exemplo:

-O Bagelhead, algo que está a facer estragos no país. Dende hai uns meses, miles de mozos reúnense en locais nocturnos para someterse ao poder da agulla. A técnica do Bagelhead, que toma o seu nome da rosquilla, consiste en inxectarse na fronte unha solución de auga salgada baixo a pel que logra deformar o rostro por unhas horas, de forma que se pode modelar ao gusto do consumidor. Malia que ás poucas horas de someterse a este tratamento o corpo absorbe a solución salina e a pel volve ao seu estado orixinal, os médicos alertaron dos riscos de infección que entraña.

Bagelhead © www.natgeotv.com
-Unha das últimas modas en Xapón é operarse as mans para cambiar o destino. Se non estás contento co teu futuro non hai problema, en Xapón xa hai especialistas que as operan para cambiar o destino dos seus pacientes. Así, segundo ás necesidades de cada paciente, estas liñas pódense alongar, unir, cortar, ou mesmo crear unha que non estaba antes.

O cirurxián que estendeu esta práctica, Takaaki Matsuoka declara que foi idea dun dos seus pacientes, que lle pediu que "quería cambiar a súa sorte". O médico buscou ata que encontrou este tipo de intervención en Corea. A operación realízase cun bisturí eléctrico, que deixa unha cicatriz visible. Nun mes sandan ás feridas e fórmanse as novas liñas.


Mans © www.abc.es
- Esta vez chega a nova tendencia en peiteados: o tomate maduro. Trátase de tinguirse o pelo de vermello, e no cocote, o pelo máis curto de verde, coma se fose o talo e as follas dun tomate. Esta idea tan orixinal e rechamante é obra de Hiro, que é a propietaria dunha perrucaría en Osaka. Agora esténdese entre os mozos, que xa adoitan ser bastante ousados e seguen o seu estilo  extravagante baseados en videoxogos ou mangas. Isto xa é algo habitual para a doa do local, que xa fixo outros peiteados diferentes, coma unha pelota de fútbol.

Peiteado do tomate maduro © www.lavanguardia.com
-Unha das modas que chega tamén dende o país do sol nacente é o hadouken. O nome desta moda é común ao nome da súa fonte de inspiración: o popular videoxogo de loita 'Street Fighter'. Basicamente, a nova tendencia consiste en sacarse unha foto simulando un ataque cunha bóla de enerxía invisible. Este movemento foi popularizado polo personaxe Ryu, aínda que a mesma técnica é usada por outras figuras do xogo.

Hadouken © www.noticias.lainformacion.com
Deporte

En Xapón practícase unha ampla variedade de deportes. As artes marciais tradicionais como o judo, o kendo, o karate e o aikido son tan populares coma os deportes importados do exterior, por exemplo o fútbol ou o béisbol, grazas á dedicación dos seus practicantes.

O judo, que literalmente significa "o camiño apracible", na actualidade goza de gran popularidade en todo o mundo e afianzouse firmemente como deporte oficial olímpico dende a súa primeira inclusión nos Xogos Olímpicos de 1964.

Judo © www.culturajaponesa.blogspot.com
Seguindo os pasos do judo, o kendo (esgrima xaponesa) tamén conseguiu atraer moitos afeccionados no estranxeiro nos últimos anos. Os contrincantes do kendo levan traxes protectores a xeito de armadura e utilizan espadas de bambú para atacar e defenderse.

Kendo © kendocharleroi.be
O karate introduciuse en Xapón dende China a través do Reino das Ryukyu (a actual Okinawa). Os contrincantes do karate non levan ningún tipo de protección e loitan utilizando tan só as mans e os pés.

Karate © www.taringa.net
O sumo, deporte nacional de Xapón, ten unha historia que abrangue máis de 1000 anos. Os rikishi (loitadores de sumo), que levan o pelo ao estilo dos antigos guerreiros, unicamente levan un cinto especial de seda, loitan tan só coas mans núas e case todos pesan entre 100 e 200 quilos. Loitan nun dohyo (ring) de 4,5 metros de diámetro ata que un dos dous sae do ring ou toca o chan con calquera parte do seu corpo que non sexa as plantas dos pés.

Sumo © es.wikipedia.org
Espero que vos gustara ler esta segunda parte de arte xaponesa tanto como a nós nos gustou escribila.

A seguinte entrada será por fin o itinerario, ata logo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario