mércores, 28 de maio de 2014

Día 3 e 4 en EE.UU.



Hi people!
Xa estamos de volta cunha nova entrada da nosa incrible viaxe! Nesta ímosvos falar do noso terceiro e cuarto día polas rúas de New York.

DÍA 3 XULLO. 

Vendo o partido dos NYY
(foto orixinal de Rachid Brasil)
Neste xoves xa estabamos máis descansadas por iso decidimos espertarnos antes para poder aproveitar mellor o tempo. Primeiro fomos ver un partido de béisbol dos New York Yankees. E despois pola tarde, marchamos ver a famosísima Statue Of Liberty National Monument
(en galego "Estatua da liberdade") pero antes, tíñamos que ir
 almorzar xa que morríamos da fame. Despois de encher a barriga e con moitas ganas de seguir a nosa viaxe, dirixímosnos ata o estadio dos New York Yankees, o Yankee Stadium, para ver o partido que xogaba este equipo contra os Boston Americans. O NYY é un dos equipos máis coñecidos nos Estados Unidos en canto a béisbol, xa que é un profesional da Liga Americana.
Xa dentro do estadio dos NYY
(foto orixinaria de Rachid Brasil)
Para chegar ó estadio decidimos coller un taxi xa que nos quedaba bastante lonxe e non nos apetecía andar moito porque somos un pouco vagas. Unha vez alí, quedamos sorprendidas polo grande e impresionante que é aquel estadio. Durante un rato demos un par de voltas por fóra coa boca aberta e os ollos coma pratos. Ao entrar ó interior, a cousa non cambiaba xa que seguía sendo incriblemente grande e bonito. Para non perder nin un detalle, sentamos nas primeiras filas das gradas. A verdade que a experiecia deixounos atónitas porque aquel espectáculo era diferente ó que estamos acostumados os europeos. Para empezar, o béisbol é un deporte lento por iso os partidos fanse bastante longos; os estadios acollen moitísima máis xente que o fútbol por exemplo; é moi característico a comida que hai a vender porque é destas que engordan nada máis mirala; e por último a cousa que máis nos chamou a atención é o que se fai despois da sétima ronda, o chamado "seventh-inning stretch" que é un descanso para que todo o público se poña de pé e estire as pernas mentres se cantan cancións a coro.
A Estatua da Liberdade dende o barco.
Cando estaba a piques de rematar o partido, o bateador deulle un gran golpe a bola con tanta sorte que esta veu a parar a nós, quedándonos con ela como recordo. Ó rematar o partido case afónicas polo que berramos, decidimos parar nun pequeno restaurante da zona para comer e descansar un rato antes de ir ao seguinte destino. 
Volvemos nun taxi ata o sur de Manhattan para despois coller un barco que nos levou ata a Estatua da Liberdade.
Unha vez que chegamos a illa da Liberdade, quedamos aínda máis sorprendidas do que estabamos xa. É unha estatua xigantesca de, nada máis e nada menos, que case 93 metros de altura. Grazas a que ten instalados ascensores puidemos subir ata o miradoiro que ten arriba de todo e librámosnos de subir 354 chanzos. 
Manhattan e o Bridge Brooklyn
dende a illa da Liberdade.
Cando chegamos ó miradoiro, foi a primeira vez en toda a viaxe que as tres nos quedamos sen fala. Había unhas asombrosas vistas dende aí arriba. Aproximadamente estivemos sobre unha hora, o suficiente para que dese tempo a escurecer e así poder ver a paisaxe pola noite. E se de día impresionaba, de noite era incluso máis fermoso. 
Máis tarde, sobre as dez e media da noite, decidimos volver a Manhattan no barco e despois coller un taxi para que nos levase ao noso hotel. Estábamos tan cansas que foi ir cear, volver a habitación e caer rendidas na cama.

DÍA 4 XULLO.


O venres estabamos máis cansas do normal xa que o día anterior entre que chegamos o hotel e ceamos, fíxosenos moi tarde. Pero iso, desde logo, non foi impedimento para seguir coa nosa viaxe. 
Mentres íamos almorzar decidimos que o día ía ser de parques xa que íamos visitar dous parques diferentes. Tanto un coma o outro son moi coñecidos. O primeiro que fomos ver é o Botanic Garden e o segundo, o Brooklyn Bridge Park. Dende este segundo vimos os famosos fogos artificiais do día da independencia.
O rematar o almorzo, collemos un taxi para que nos levase ata unha estación do tren e este ata a nosa primeira parada, o Botanic Garden.
Botanic Garden (foto orixinaria de Vivienne Gucwa)
Ao chegar ao Botanic Garden quedamos moi sorprendidas polo inmenso que é, xa que conta con 21 hectáreas, as cales están dividas en nove partes. Nós intentamos percorrer todo o parque para así poder contemplar todo o posible, pero cando xa levábamos case dúas horas andando démosnos de conta que aínda nos faltaban dúas das nove partes por ver. Ante isto, decidimos que sería mellor marchar porque estabamos xa aburridas de tanto andar.
Ao saír decidimos parar primeiro nun restaurante que tiña moi boa pinta xa que ía sendo hora de comer e o longo paseo deunos fame. Ao rematar andamos ata a estación de tren para nos levara ata o noso seguinte destino, o Brooklyn Bridge Park.
Vistas do Brooklyn Bridge dende o parque
(foto orixinaria de Matt Jones
Ó chegar, encontrámonos con 34 hectáreas de parque ó do río East River, que separa Manhattan de Brooklyn. Igual que nos pasou no primeiro, quedamos moi sorprendidas pola inmensidade deste e tamén polas marabillosas vistas que había dende el. 
Como chegamos moi cansas de estar moito tempo en tren e da andaina da mañá, decidimos tombarnos no chan e descansar un rato gozando da paisaxe. De súpeto, Andrea viu un posto de xeados e, como non, todas fomos como tolas a comprar un. Á media hora, erguémonos para ir dar un paseo porque senón despois non nos ía a dar tempo a percorrelo todo. De pronto démonos de conta que había unhas canchas de baloncesto e como non podíamos resistir a tentación, pedímoslle a uns mozos (moi guapos) se nos deixaban botar uns partidiños con eles. Cando faltaba pouco máis de media hora para que dese comezo a tirada de fogos artificiais, decidimos coller un bo sitio no céspede para poder velos ben.(Por se non o sabes, a tirada de fogos artificiais en Brooklyng fanse dende xa fai moitos anos. Celebrase todos os anos o 4 de xullo porque é o día da independencia de Estados Unidos).
Nós no Brooklyn Bridge Park
(foto orixinal de Ola Doubravova)
Ó comezo dos fogos, as tres quedamos caladas e impresionadas pola fermosura de aquel espectáculo e ademais, pola cantidade de persoas que tiñamos ao noso arredor. Estivemos como unha hora véndoos pero estaba a facerse un pouco tarde, polo que marchamos antes de que remataran. Collemos un taxi de volta á estación para poder chegar o antes posible ó hotel. Xa alí dirixímosnos directamente a nosa habitación e pedímoslle a recepción que nos subiran a cea ata a suite porque estabamos tan cansas de andar que non podíamos nin ir ata o comedor. Ao rematar, estivemos vendo unha peli pero ningunha chegou a ver o final porque quedamos totalmente durmidas.

Ata aquí o noso terceiro e cuarto día en Nueva York. Volveremos moi pronto cunha nova entrada así que non nos botedes moito de menos. 
Ata entón, bye-bye!

Ningún comentario:

Publicar un comentario