O sábado 5 de abril saímos do instituto con dirección Calafell. Despois de toda unha noite no autobús, chegamos alá sobre as 12:00 da mañá. Subimos ós nosos cuartos (Sandra e eu estábamos en cuartos diferentes) e fomos inspeccionar se había máis institutos que o noso. Para desgraza nosa non había. Os que compartían hotel connosco eran anciáns franceses. Despois desa desilusión fomos comer ao restaurante, a comida estaba... Pasable!
As 16:00h collemos o autobús e dirixímonos cara Vilanova i la Geltrú para facer unhas actividades na praia.
Comezamos cunha hora de xincana, serie de xogos con obstáculos, neste caso: unha carreira de sacos, pasar por debaixo dunha rede arrastras do chan, saltar unhas cantas cordas e saír pitando no kaiak cara a boia, regresar pisando táboas de surf, de novo as carreiras de sacos e andar por unha cinta sen caer, todo no menor tempo posible.
Seguimos con 30 minutos de obradoiro mariño, no cal nos ensinaban a montar unha vela para metela na auga e poder navegar, actividade que faríamos o xoves 10.
Para rematar, fixemos un circuíto no Segway. Tratábase de ir andando nel e coller unha cunca de auga chea de buracos que perdía auga, atravesar con ela unha serie de conos ata chegar ao outro extremo e baleirar a cunca, de volta novamente polos conos ata coller un frisbee para tentar metelo nunha rede e, por último, cun pau de golf, meter unha pelota pequena na portería e así varias veces.
Ó rematar estas actividades deixáronnos ir probar a auga, pero os únicos que nos metemos éramos nós, non había ningunha outra persoa que non fora do noso instituto na auga. Había xente que nos miraba con cara rara!
Sobre as 20:00h volvemos cara o autobús para ir ao hotel, foron 15 minutos aproximadamente os que nos levou de camiño, pero todos íamos durmindo, estabamos tan cansos!
Cando baixamos cear os profesores preguntáronnos se queríamos ir de festa, pero nós dixémoslle que non... Pero fixéronnos ir dar unha volta todos xuntos polo paseo ao lado da praia.
Chegamos ao hotel e todos a durmir, ese día non se escoitou ningún ruído polo corredor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario