sábado, 31 de maio de 2014

Día 2- Laura e Sandra en Barcelona

Era luns 5 de abril, tiñamos que erguernos ás 8:30 para baixar a almorzar ás 8:45. O erguernos a maioría estabamos cansísimos e así o mostramos durante a viaxe que tivemos que facer dende Calafell ata o centro de Barcelona, que a pasamos durmindo. 

Espertounos o noso querido Curi (Juan Carlos, profesor de relixión) dicíndonos polo micrófono do autobús: "Rapaces, por esta rúa pasa moitas veces Messi, pero tedes mala sorte que hoxe non está"; a partir de aí, puidemos ver marabillosos edificios. 

Ao pouco de coñecer á nosa guía, chamada Eva, comezamos a nosa andaina por aquel lugar tan magnífico, o Barrio Gótico de Barcelona. Fixémoslle unha visita á Catedral de Santa Eulalia, onde se lle rende honor a esta rapaza porque foi unha mártir. Dentro da catedral atopamos 13 ocas, están alí representando a pureza da muller e están 13 exactamente porque é a idade que ela tiña. Tamén vimos unha estatua de Cristóbal Colón, a parte doutras moitas cousas. 

Comemos nun centro comercial que se chama Maremagnum, cando acabamos deixáronnos tempo libre, cada un aproveitouno como quixo, comprando agasallos, descansando... 

Algúns foron ao cine a ver unha película... Despois arrancamos e fomos cara ó Castelo, antes de chegar había unhas vistas preciosas, ata mirabamos o edificio Agbar.


Despois seguimos subindo un pouquiño máis ata chegar ao Castelo que tamén nos daba unhas vistas magníficas.


Gozamos deste momento e pouco despois volvemos coller o autobús para facer unha visita pola Vila Olímpica, pero como non tíñamos moito tempo tivemos que facela dende o bus.

Cando chegamos o hotel duchámonos a baixamos a cear cunhas ganas enormes de acabar e ir durmir, pero os profesores obrigáronnos a ir dar unha volta polo paseo ao lado da praia todos xuntos. A verdade é que o pasamos ben. Ao chegar ao hotel cada un foi para a súa habitación, pero esa noite xa se escoitou algunha porta que outra... empezaron os cambios de habitación!

venres, 30 de maio de 2014

Comeza o torneo de fútbol en Salou

      O segundo día en Salou xa tivemos que madrugar para ir xogar os primeiros partidos do torneo de fútbol.

       O primeiro partido xogámolo as 10 da mañá, gañando 3-2 a un equipo de Salou. Foi un partido difícil, disputado e con moitísimas faltas. O seguinte xogámolo as 12h e o  resultado foi 4-2 ao noso favor contra a uns brasileiros que pasaban todos do metro oitenta, pero que co balón non eran tan bos como nós esperabamos, xa que so tiñan 4 ou 5 xogadores moi bos. Ao gañar os dous partidos estabamos practicamente clasificados e iso que nos quedaba un partido de grupos para o día seguinte.


http://www.futbolsalou.es/slideshow/imatge2/image

     Ao chegar ao hotel xa fomos directos ó comedor a gozar da comida e pola tarde fomos todo o equipo a dar unha volta pola cidade. 

    Pareceume todo precioso: edificios, camiño ao lado da praia, grandes tendas, etc. Pero sen dúbida o que máis me gustou foi a praia. Nada máis chegar ao hotel o primeiro que fixen foi tirarme na cama do canso que estaba, e a durmir para estar fresco no partido do día seguinte.     

https://www.google.es/search?q=campo+de+futbol+en+salou&source=lnms&tb

xoves, 29 de maio de 2014

David e Sebi visitan Barcelona

                                                                   


O segundo día despertamos as oito e media case todos, ao único que seguía durmindo (Ferreño) lle puxemos música bastante alta. Despertou moi rápido e se queixaba de que as mantas picaban e que oíra ratos pola noite. 

As nove baixamos almorzar; estaba moi bo todo, sobre todo os minicurasáns e tamén o detalle de poder reencher o vaso de zume todas as veces que quixeras. Ao rematar fomos ós nosos cuartos a prepararnos para a saída cara Barcelona aínda que tiñamos sono e nos apetecía durmir un ratiño máis.

Saímos andando do hotel e collemos o bus que estaba agardando por nós a unhas rúas de distancia, preto dun entrante artificial que facía a rúa. Chamounos a atención que había tartarugas e un montón de patos! 

A viaxe durou unha hora e non pasou nada especial, salvo que facía bastante sol e empezou a ir unha calor...

Cando estabamos preto de Barcelona, recollemos á guía que nos acompañou todo o dia practicamente. A cidade impresionaba con eses edificios tan xigantescos que algunhas persoas dicían que ían  caer e tamén con tantísimas motos por todas partes. Semellaba que houbera máis motos que coches. 

Fomos pasando por lugares famosos en bus como a casa dos soños de Gaudí que estaba chea de xente e a xigantesca e coñecida Praza Cataluña. Chegamos andando ata a Catedral de Santa Eulalia, chamada así na honra da mártir. Por dentro había moitas esculturas e tamén as famosas trece ocas en recordo aos trece martirios da moza. As ocas estaban nunha recinto cunha fonte que había que ir rodeando. Ao saír pasamos por unha antiga praza na que xogaban os nenos e que estaba situada ao lado dunha igrexa, na guerra civil española caira unha bomba e conservan o impacto nunha parede de recordo. Facía unha calor abafante cun sol que te queimaba e te daban ganas de marchar á praia. A xente tiña cara de estar esgotada polo sol e a andaina.

Despois da praza fomos andando ata un anaco da muralla que protexía a cidade de Barcelona na época das antigas guerras. Aínda se poden ver os alicerces baixo terra. Tamén pasamos por unha igrexa que estaba nunha gran praza construída sobre estes alicerces.
Dende a praza víase un debuxo enorme de Gaudí que estaba pintado na parede dun edificio. Camiñamos ata chegar a outra praza bastante pequena na que había as típicas terrazas de bares e unha escultura metálica que semellaba as redes que amarran a cortiza das botellas de sidra. Mentres a guía nos explicaba que era un monumento ós "Castellers", un rapaz que pasaba en bici e debía ir pensando nas musarañas, comeuse de cheo a escultura.
Camiño do bus, aínda pasamos por outra praza onde os farois foran deseñados por Gaudí; parecían que eran de un estilo antigo e tiñan bancos na base. Polas rúas as baldosas eran tamén de deseño de Gaudí e tiñan un debuxo dunha medusa e tres animais máis, aínda que isto nolo dixeron outro día. 

Ao volver ó hotel pasou o típico, a xente durmíase, sobre todo Aitor pero estaba atento porque xa o intentaran pintar ao vir cara Barcelona. Ao chegar tivemos un tempo para ir aos nosos cuartos, mudarnos ou o que quixeramos, pero realmente só nos tiramos na cama a descansar e ver as mensaxes do móbil. Ás nove baixamos cear e bueno... a comida non valía moito pero polo menos non pasamos fame (por se acaso tiñamos reservas na habitación).
Despois subimos ao cuarto para prepararnos para saír, pero eu (David) e un grupiño de amigos quedámonos xogando ao póker. Eu era a primeira vez que xogaba pero gañei algunha vez. Gustoume bastante porque botas unhas risas boas; non me lembro da hora na que fomos durmir pero era bastante tarde.

As rapazas viaxeiras de Dubai coñecen Barcelona

Día 7:

Como todos os días espertamos as 8.30 da mañá e baixamos a almorzar  coa compaña dos anciáns aloxados no hotel. O acabar dirixímonos no noso autobús cara Barcelona. A nosa primeira parada foi para facer un percorrido polo Barrio Gótico, comezando pola visita á Catedral que está adicada á patroa de Barcelona que é Santa Eulalia. Xa no interior, a nosa guía explicounos moitas cousas interesantes sobre este lugar.
Despois fomos camiñando por diferentes rúas contemplando os monumentos importantes e as esculturas modernistas.
Tamén estivemos na Generalitat de Cataluña, a continuación demos un paseo polas Ramblas. A famosísima rúa de Barcelona  é un lugar cheo de tendas de souvenirs, e artistas de rúa así como de moitísimos turistas. Tamén vimos o Gran Teatre del Liceu que é un Teatro de Ópera moi importante que xa sufriu dous incendios.
Ao final desta rúa atópase a Praza de Colón e a fermosura do Mar Mediterráneo.

Cando nos dirixíamos ó Porto Deportivo quedamos abraiados coa inmensa cantidade de cruceiros, iates e barcos que alí había. Ó pé do mar estaba construído un enorme centro comercial o MareMagnum. Neste centro comercial atópase o restaurante Fresco MareMagnum onde degustamos un bufete libre. Por certo, a comida estaba boísima!!!!

Ao rematar de xantar deixáronos tempo libre e algúns fomos de compras.
As 16.30 estabamos todos no autobús ascendendo cara o monte Tibidabo, o punto máis alto da cidade.


Tras unha pequena parada para gozar das vistas subimos andando por unhas interminables escaleiras que chegaban ata o pé do castelo do cal a nosa guía nos explicou moitas cousas. Accedemos ao seu interior e subimos á azotea do castelo dende onde as vistas  eran aínda máis espectaculares.


 
Deseguido subimos ao autobús e percorremos a Vila Olímpica, un lugar espectacular e moi grande no que se celebraron os Xogos Olímpicos no ano 1992.

Antes de regresar fixemos unha pequena parada nas Ramblas para mercar agasallos. Moitos fomos comprar ao famosísimo Café Hard Rock.

Á noite chegamos ó hotel cansos de tanto camiñar, démonos unha ducha e baixamos cear para logo ir tirar fotos á praia. E logo a durmir.....

Paseíño por Barcelona de Marisé e María


Hoxe ímosvos contar as anécdotas do segundo día da viaxe. Relataremos as nosas aventuras  e intentaremos que vexades Barcelona a través dos nosos ollos.

Chegou o segundo día da viaxe e polo tanto tocaba erguerse cedo, estabamos realmente cansos, xa que o día anterior tiveramos a xincana e déramos unha curta voltiña por Calafell despois de cear. Aínda así, estabamos moi ilusionados por coñecer, por fin, a cidade.

Subímonos ao bus e comezamos o camiño ata Barcelona. Os plans para ese día eran visitar as Ramblas, o Barrio Gótico e a Catedral, todo iso acompañados dunha guía catalá.

Demos o paseo polas Ramblas admirando as construcións máis destacables e gozando coas impresionantes estatuas viventes. Visitamos o Mercado de "La boquería", moi bonito, con froitas de todos os países, de todas as formas e cores, tamén tiñan expostas grandes figuras feitas con distintos tipos de chocolates. Aí enchemos todos o bandullo a máis non poder, eu creo que saímos de alí con 6 kilos de máis cada un. Os produtos tiñan tan boa pinta que desexabas telo todo nas mans. 

Estivemos tamén na fonte de Canaletas donde se atopa a escultura na honra aos castellers. Por certo, un neno que pasaba en bicicleta comeuse de cheo un dos barrotes da escultura; todos intentamos non rir pero non o conseguimos.

Tamén nas Ramblas, descubrimos o mosaico de Joan Miró que hai no chan e, por último, estivemos  na estatua de Colón, que se atopa ao final das Ramblas.

Baixamos ata chegarmos ao porto, cos seus xardíns, o seu mar, os seus mil barcos enormes e o Maremagnum. A paisaxe era fermosa, respirábase tranquilidade e se estaba de marabilla. Camiñamos polo porto, morrendo de envexa ao ver aqueles tremendos iates.

Nolas dúas íamos cos nosos amigos: Sebi, Héctor, Lois, Óscar, Mar e Isa, que cuadrilla! Poderíase dicir que eramos o mellor de cada casa ou de cada instituto neste caso, ou sexa, os trastes da excursión, pero sempre lle dábamos un pouquichiño de alegría a todo e sen facer nada malo (que se saiba). Percorremos cada un dos recunchos, tiramos fotos e fixemos o parviño durante toda a hora libre. 

Despois dun delicioso almorzo no Maremagnun, tirámonos a descansar nos xardíns para deixar facer a dixestión tranquilamente e relaxármonos antes de subir ao bus e facer unha visita panorámica á Vila Olímpica, que se atopa no distrito de Sant Martí e de subir ao precioso mirador do Montjuic.



Ao ser unha viaxe en bus, moitos quedábanse durmidos e non se decataban de nada. A coitada da guía de vez en cando falaba soa. Nós, que permanecíamos despertas, gozamos da zona, observamos as dúas caras da Vila Olímpica; a cara familiar, que recordaba o pasado da cidade e outra máis moderna. 

Tras este día tan produtivo toca chegar ao hotel, pórse moi guap@s todos para saír pola noite e baixar a cear. Despois de cear fomos a dar un paseo cada un cos seus amigos.Onde por certo atopamonos unha dispensadora con todo tipo de productos farmaceuticos, dende termometros, ata babeiros para os bebés.

mércores, 28 de maio de 2014

Información sobre Uruguai

Boas! Son Bárbara, o punto de partida da viaxe real que vou compartir con vós é Uruguay, do que paso a informarvos.
Bandeira Uruguaia © listas.20minutos.es
O seu nome completo é República Oriental do Uruguai, do que deducimos que a súa forma de goberno é unha república. Situado en América Latina, limita no noroeste con Brasil, ao oeste con Arxentina e co océano Atlántico polas súas costas.

A súa capital é Montevideo, en total ten 19 departamentos que equivalen ás nosas provincias. Cun número de habitantes de 18,78 hab. por kilometro cadrado.

O seu presidente chamase José Mujica, e se o queredes coñecer mellor podedes ver a entrevista que lle fixo Jordi Évole para o programa "Salvados" premendo AQUÍ.
 
Mapa de Uruguai © viajes.es
 
José Mujica © wikipedia.org
O seu idioma é o Castelá aínda que nalgunhas partes se fale portugués. A súa relixión é a católica xa que en 1516 o explorador Juan Díaz de Solís colonizaba o actual territorio uruguaio impoñendo a "civilización".
© proyectossalonhogar.com

A moeda é o peso uruguaio que equivale a 0,03 euros, é dicir, que se nós temos un euro teremos 31,75 pesos nas nosas mans.
Moedas uruguaias © turismoenuruguay.org
A súa bandeira esta infuenciada pola bandeira de EE.UU e Arxentina.
Bandeira de EE.UU © hoy.com
Bandeira de Arxentina © historiageneral.com

Bandeira de Uruguay © eldiario.com
E como curiosidade direivos que é o segundo país máis pequeno de Sudamérica.
Mapa de Sudamérica © sudamericaviaje.com

Día 3 e 4 en EE.UU.



Hi people!
Xa estamos de volta cunha nova entrada da nosa incrible viaxe! Nesta ímosvos falar do noso terceiro e cuarto día polas rúas de New York.

DÍA 3 XULLO. 

Vendo o partido dos NYY
(foto orixinal de Rachid Brasil)
Neste xoves xa estabamos máis descansadas por iso decidimos espertarnos antes para poder aproveitar mellor o tempo. Primeiro fomos ver un partido de béisbol dos New York Yankees. E despois pola tarde, marchamos ver a famosísima Statue Of Liberty National Monument
(en galego "Estatua da liberdade") pero antes, tíñamos que ir
 almorzar xa que morríamos da fame. Despois de encher a barriga e con moitas ganas de seguir a nosa viaxe, dirixímosnos ata o estadio dos New York Yankees, o Yankee Stadium, para ver o partido que xogaba este equipo contra os Boston Americans. O NYY é un dos equipos máis coñecidos nos Estados Unidos en canto a béisbol, xa que é un profesional da Liga Americana.
Xa dentro do estadio dos NYY
(foto orixinaria de Rachid Brasil)
Para chegar ó estadio decidimos coller un taxi xa que nos quedaba bastante lonxe e non nos apetecía andar moito porque somos un pouco vagas. Unha vez alí, quedamos sorprendidas polo grande e impresionante que é aquel estadio. Durante un rato demos un par de voltas por fóra coa boca aberta e os ollos coma pratos. Ao entrar ó interior, a cousa non cambiaba xa que seguía sendo incriblemente grande e bonito. Para non perder nin un detalle, sentamos nas primeiras filas das gradas. A verdade que a experiecia deixounos atónitas porque aquel espectáculo era diferente ó que estamos acostumados os europeos. Para empezar, o béisbol é un deporte lento por iso os partidos fanse bastante longos; os estadios acollen moitísima máis xente que o fútbol por exemplo; é moi característico a comida que hai a vender porque é destas que engordan nada máis mirala; e por último a cousa que máis nos chamou a atención é o que se fai despois da sétima ronda, o chamado "seventh-inning stretch" que é un descanso para que todo o público se poña de pé e estire as pernas mentres se cantan cancións a coro.
A Estatua da Liberdade dende o barco.
Cando estaba a piques de rematar o partido, o bateador deulle un gran golpe a bola con tanta sorte que esta veu a parar a nós, quedándonos con ela como recordo. Ó rematar o partido case afónicas polo que berramos, decidimos parar nun pequeno restaurante da zona para comer e descansar un rato antes de ir ao seguinte destino. 
Volvemos nun taxi ata o sur de Manhattan para despois coller un barco que nos levou ata a Estatua da Liberdade.
Unha vez que chegamos a illa da Liberdade, quedamos aínda máis sorprendidas do que estabamos xa. É unha estatua xigantesca de, nada máis e nada menos, que case 93 metros de altura. Grazas a que ten instalados ascensores puidemos subir ata o miradoiro que ten arriba de todo e librámosnos de subir 354 chanzos. 
Manhattan e o Bridge Brooklyn
dende a illa da Liberdade.
Cando chegamos ó miradoiro, foi a primeira vez en toda a viaxe que as tres nos quedamos sen fala. Había unhas asombrosas vistas dende aí arriba. Aproximadamente estivemos sobre unha hora, o suficiente para que dese tempo a escurecer e así poder ver a paisaxe pola noite. E se de día impresionaba, de noite era incluso máis fermoso. 
Máis tarde, sobre as dez e media da noite, decidimos volver a Manhattan no barco e despois coller un taxi para que nos levase ao noso hotel. Estábamos tan cansas que foi ir cear, volver a habitación e caer rendidas na cama.

DÍA 4 XULLO.


martes, 27 de maio de 2014

Ainhoa e Lara tirando fotos en Barcelona



LUNS 7

Levantámonos moi cedo e Ainhoa, para animar o ambiente, púxonos música house a todo volume e así fíxosenos máis ameno erguernos.

Almorzamos e dirixímonos cara Barcelona. Todos estabamos entusiasmados por coñecer a cidade.


O primeiro que visitamos foi a Catedral de Barcelona, a guía turística que nos acompañou en todo momento, explicounos que está adicada a Santa Eulalia, patroa da cidade. Ademais do exterior visitamos o interior, contemplamos a súa gran estrutura e dimensións, a cripta da patroa, o seu marabilloso xardín, fantástico para tirar fotografías e as sete ocas que alí se atopaban.

             

                     




Seguidamente fomos as Ramblas, nós xa tiñamos visitado antes Barcelona, e recordabámolas  cheas de mimos. Foi toda unha sorpresa atopar só un. Explicáronnos que era debido aos permisos que esixía o concello. Ó final atópase o monumento a Colón, que no seu interior ten un ascensor que permite subir ata a semiesfera.                                                                                       
                                     
                      

                                                                             










Ao rematar de ver as Ramblas dirixímonos ao porto vello de Barcelona, que se atopaba moi cerca, alí xantamos no centro comercial Maremagnum e gozamos dunha hora de compras, que aproveitamos ao máximo.





  


Montamos no bus e fomos rumbo ao Tibidabo no que puidemos admirar as fantásticas vistas que se contemplaban dende alí, neste lugar tiramos moitísimas fotos.



                                          
                                                   












Despois de tanto camiñar puidemos subir ao bus e por fin descansar. Ao chegar ao hotel duchámonos e baixamos cear e de alí directas á cama. Estabamos moi cansos, tanto que  e nin pedimos para saír...


DÍA 1 - EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO POR AINHOA E LARA




Chegou a hora de subirnos ao bus, só nos quedaban 14 horas de viaxe, aínda que nós, Ainhoa e Lara, pasamos 10 horas durmindo.

DOMINGO 6

Chegamos sobre as 12 e contemplamos dende a fiestra do bus o Mediterráneo. Xa estábamos desexando baixar para poder gozar da paisaxe, pero primeiro tiñamos que ir ao hotel para acomodarnos e comer.

Instalámonos no hotel Ramblas Miramar. A primeira impresión que nos deu foi boa xa que estaba ben situado e coidado.


Ao rematar de comer déronnos tempo libre, que aproveitamos para asearnos e baixar á praia xa que estabamos desexando tirar as primeiras fotografías.



Cando rematou o tempo libre volvemos subir ao bus para dirixirnos a Vilanova i la Geltrú, onde fixemos unha xincana  que consistía nunha carreira por grupos na que tiñamos que superar diferentes obstáculos e facer distintas actividades. Tamén fixemos unha clase teórica de iniciación á vela e andamos en segway. Era a primeira vez que montabamos e, a dicir verdade, o principio custou pero logo resultounos moi doado. 


Este primeiro día foi esgotador! Pola noite ceamos, nun principio queríamos seguir falando e facer das nosas travesuras pero estabamos tan cansas que nos quedamos durmidas sen darnos conta.


sábado, 24 de maio de 2014

Introducción da viaxe a Madrid

Ola de novo!

Veño a presentar un pouco o sitio ao que vou ir: Madrid, que todos coñecemos ao ser a capital e unha das cidades máis importantes de España. É a máis poboada, contando con máis de 3.000.000 habitantes no ano 2013. Como capital, alberga as sedes do goberno e a residencia oficial onde viven os Reis de España e o Presidente do Goberno.

Os símbolos de Madrid son a bandeira carmesí, propia dos concellos, e o escudo tradicional co oso e o arbusto de albedro, xunto á coroa real antiga.

O que se esconde tras o escudo é que, aínda que sempre se fala do "oso e o albedro" antigamente era unha osa. E o arbusto non era de albedro, senón que era unha árbore de froitos vermellos; que axudaron a curar unha praga que asolaba a cidade. Durante un tempo tamén tivo un dragón, aínda que algúns sinalaban que era unha cobra ou un grifón. 

Bandeira de Madrid © www.paginabierta.com

 
Escudo de Madrid © www.elmundo.es


A historia de Madrid trasládase á época da dominación romana, chamándose Ursaria ao principio. Os árabes foron os fundadores da cidade a finais do século IX, co obxectivo de protexer Toledo. Trala conquista de Toledo por Alfonso VI a cidade pasa a mans cristiás. 

Felipe II trasladou a corte de Toledo a Madrid, e coa súa chegada a cidade comeza a crecer. Con Felipe III constrúese a Praza Maior e amplíanse con fontes os terreos dos Xardíns do Retiro. Madrid viviu un período de esplendor cultural con autores como Cervantes, Quevedo, Góngora, Velázquez, Lope de Vega ou Caldeirón de la Barca. Tamén se inicia a construción do Pazo Real, no solar do antigo alcázar. Carlos III, coñecido como o mellor alcalde de Madrid, fixo paseos, sistemas de rede de sumidoiros, iluminación pública, etc.

En febreiro de 1808, Napoleón, coa escusa de que non se respectou o pacto secreto de Fontainebleu (deixar paso libre por España aos franceses, para invadir Portugal), envía un poderoso exército. Ao mesmo tempo, tropas francesas entraron ocupando Cataluña. Desta forma, cidades como Barcelona e Pamplona quedaron baixo dominio francés. Polo motín de Aranjuez os madrileños derrocan a Carlos IV e poñen a Fernando VII.

Fernando VII, prisioneiro do exército francés, é obrigado baixo pena de morte a abdicar.
A situación faise moi tensa na capital. O 2 de maio, a multitude comezou a concentrarse ante o Pazo Real. O combate durou horas e estenderíase por todo Madrid. A represión é cruel, fusilamentos ordenados polo bando dos franceses contra todo español que porte armas. Así finaliza o levantamento popular do "dous de Maio" de 1808. 

Napoleón nomea ao seu irmán José I no trono, dando lugar á Guerra de Independencia ata 1814. Durante a guerra nas Cortes de Cádiz elabórase a primeira Constitución española, promulgada o 19 de marzo de 1812, festividade de S. José; polo que foi denominada popularmente La Pepa, "Viva La Pepa". Trala derrota das tropas de Napoleón, Fernando VII volve ao trono de España, deroga a Constitución, persegue aos liberais constitucionalistas e comeza un sistema de ríxido absolutismo.
Viva la Pepa © eltovarich.blogspot.com

En 1871 Madrid ten xa 400.000 habitantes e ábrense as primeiras liñas de tranvía, que unen a Porta do Sol cos barrios máis afastados. En 1919 ábrese o primeiro tramo do metro, Sol-Catro Camiños. Durante a posguerra a cidade mantense en crecemento pola emigración doutras provincias españolas, converténdose nun lugar onde se mesturan influencias e culturas das distintas rexións.

O dinamismo cultural foi posible ao restablecerse a democracia, que permitiu que a vila madrileña se transformase nunha cidade moderna e cosmopolita. A súa riqueza monumental e o seu tesouro artístico nos seus museos convértena nunha metrópole europea onde conflúen culturas variadas e tendencias.

E ata aquí un pouco a historia sobre Madrid. Ata pronto!