sábado, 22 de febreiro de 2014

Básicos xaponeses

Ola de novo!

Esta vez presentarémosvos o esencial antes de viaxar a calquera país: a documentación que deberás achegar, as vacinas que necesitarás inxectarche antes de ir, se existe posibilidade de conflitos bélicos no territorio e os modais principais do lugar.

Primeiramente, dicir que o Estado xaponés é moi permisible en canto documentos a entregar se trata: non necesitarás nin o pasaporte biométrico ou electrónico, simplemente o pasaporte común.

Se falamos de enfermidades que poderás contraer, estamos ante temas maiores. Para ir a Xapón debes estar vacinado contra a difteria en adultos, o sarampelo, as papeiras, a rubéola e a varíola. Ademais, unha vez alí, examinarante para que non contraias a febre amarela e enfermidades similares.

Xapón foi partícipe das dúas Guerras Mundiais ata o momento, pero agora é un país ao que podes viaxar tranquilo. O único posible conflito bélico existente está entre o país nipón e China polas illas Senkaku (Diaoyu). O primeiro aduce que as illas son territorio seu dende 1895, pero o segundo argumenta que Diaoyu é identificado como territorio chinés dende 1785. 
 Illas Senkaku © www.zaichina.net
Por último, achegarémosvos datos xerais sobre a educación esencial en Xapón, a cal dividiremos por apartados:
  • Interactuando coas masas:
Os nipóns adoitan ser moi educados. Non falan alto e, de feito, é de mala educación mirar aos ollos á persoa coa que conversas. Ademais, son moi respectuosos e isto, ao principio, dálles unha aparencia fría ou tímida.
Esta aparencia acentúase debido a que non debes abrazalos ou darlles dous bicos cando os saúdas, posto que non saberán que facer. Dar a man é o costume internacional, aínda que a reverencia tamén é valida.
Debido a isto, os xaponeses non están afeitos ver parellas demostrando os seus sentimentos en público. Aínda que ninguén che dirá nada se o fas, poderán verte con mala cara.
  • Na rúa:
Nunca sinales a ninguén co dedo. No seu lugar debes inclinar a man, plana e de costado, para apuntar aquilo que desexes.
Tamén debes procurar non dicir non de forma rotunda, dado que para eles é sinal de mala educación. Se non estás de acordo con algo, ofrece outro punto de vista a ter en conta sen menosprezar a opinión do que se encontra en desacordo, intentado facelo cambiar de opinión.
Ademais, soar o nariz en público é de moi mala educación, así que ve a un lavabo para facelo.
Por outra parte, en Xapón está penado con multa tirar cousas ao chan e fumar nas rúas. Para evitar isto, utiliza as papeleiras, os cubos de lixo e as zonas chamadas smoking areas.

Smoking Area © mangaimeyotrascosas.blogspot.com
Como curiosidade, se tes algunha tatuaxe non poderás usar as piscinas ou os baños termais (onsen), xa que os xaponeses asocian as tatuaxes á mafia Yakuza.

Onsen © www.contentedtraveller.com
  • Nos transportes:
Nos trens xaponeses viáxase xeralmente en silencio, pois falar polo móbil, comer ou facer calquera ruído é de moi mala educación.
Espera a que a xente saia, respecta as colas e non empurres, posto que xa hai empregados que o farán por ti, por moi incrible que pareza.

Empurradores xaponeses © informaciondeviajes.blogspot.com
Por último, nas escaleiras mecánicas ponte a esquerda para non estorbar ós salary men e calquera que leve présa.
  • Comendo:
Deixar os palillos dentro dunha cunca ou prato é un mal sinal, así que procura deixalos enriba da mesa ou da cunca, nunca coas puntas tocando o interior. Cando non os uses, ponos sobre a mesa fronte a ti e mirando cara á esquerda.

Como usar os palillos © salonlaurel.wordpress.com
Ademais, obviamente, é de moi mala educación pasarse a comida dunha persoa a outra.

Por outro lado, cando bebas, primeiro debes servir a todos os demais e por último a ti. Xeralmente, cando remates de servir, alguén collerá a botella e servirache.

Por último, non deixes propina xa que en Xapón non as aceptan. É máis, pensarán que queres aparentar superioridade.

Ves? E xa está. Todas estas cousas son básicas para viaxar ao país nipón, esperamos que vos/nos sirva de axuda. Tentaremos non esquecelas. Chao!

Ningún comentario:

Publicar un comentario